A Xunta creará aparcadoiros seguros para camións con zonas diferenciadas por sexos
A Xunta creará aparcadoiros seguros para camións con zonas diferenciadas por sexos
O primeiro construirase no polígono de San Cibrao das Viñas, con 59 prazas e aseos e zonas de descanso para homes e mulleres
A Xunta impulsará a creación de aparcadoiros para vehículos pesados seguros e protexidos. É un proxecto pioneiro en España, que arranca no polígono industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense) co obxectivo de estenderse por todo o país.
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, asinou este martes o convenio cos presidentes da Deputación de Ourense, Luis Menor, e da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez, para construir o primeiro deses aparcadoiros seguros, que terá 25 cámaras e control de acceso para garantir a seguridade dos profesionais do transporte e zonas de aseo e descanso diferenciadas para homes e mulleres.
"Hai que favorecer que se incorporen mulleres e que cando cheguen a un aparcadoiro teñan garantías de que é seguro para elas especialmente. Pero en xeral terán todas as comunidades que fagan máis levadeiro un oficio moi duro", explicou o presidente da Xunta en funcións.
O aparcadoiro de San Cibrao ocupará 11.000 metros cadrados, terá 59 prazas, custará 500.000 euros e estará en funcionamento este ano. A Xunta quere estender este modelo de aparcadoiro por toda Galicia.
"Seguiremos por este sistema de convenios, onde se queira colaborar coa Xunta, e tamén falando coas áreas de servizo privadas para que se metan nesta rede que queremos que chegue a máis prazas de aparcadoiro", dixo Alfonso Rueda.