A Xunta incrementa o límite de renda para poder optar a vivenda protexida
A Xunta incrementa o límite de renda para poder optar a vivenda protexida
O Consello da Xunta acordou este luns incrementar o límite de renda para poder adquirir vivenda pública, ben sexa a construída pola propia Administración ou ben a executada por promotores privados con algún tipo de protección.
"Facémolo coa finalidade de chegar a máis cidadáns", dixo Alfonso Rueda, quen anunciou que para acceder a unha vivenda de promoción pública "a renda da unidade familiar antes non podía ser superior a 2,5 veces o IPREM, e agora elévase e pasa a 3 veces o IPREM".
"Para as vivendas de promoción autonómica, as que se fan en colaboración público-privada, tamén elevamos o limiar medio punto", explicou Rueda.
Como exemplo práctico, o presidente da Xunta dixo que no caso dunha parella cun fillo, "antes o límite estaba en 26.250 euros anuais e agora elévase a 31.500 no caso da vivenda pública promovida pola Xunta directamente".
Nese mesmo caso, tratándose de vivenda de protección autonómica, os límites pasarían de "47.250 euros a 52.500".
Campamentos dixitais
A Xunta tamén aprobou que os centros educativos poidan ofrecer campamentos de verán destinados a formar a alumnos, de entre 9 e 17 anos, en competencias dixitais básicas e avanzadas.
Segundo explicou Alfonso Rueda serán os propios colexios os que terán que solicitar participar nestas iniciativas. Os menores estarán atendidos "por profesionais especializados" na materia.
A Xunta destinará en total 2 millóns de euros a esta iniciativa que permitirá aos alumnos participantes obter un certificado de 30 horas de formación en competencias dixitais, xa sexan básicas ou avanzadas.