Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta investirá 56 millóns para situar o CESGA no "liderado da computación"

A Xunta investirá 56 millóns para situar o CESGA no "liderado da computación"

Un novo edificio no polígono da Sionlla, en Santiago, acollerá as novas instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia

G24.gal 07/10/2024 13:58 Última actualización 07/10/2024 14:33

O Consello da Xunta aprobou este luns un investimento de 56 millóns de euros ampliar as instalacións do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que incluirá a construción dun novo edificio no polígono compostelán da Sionlla.

Entre os equipamentos cos que vai contar destaca un novo supercomputador, o Finisterrae 4, no que se investirán de 18,6 millóns de euros; unha estrutura de almacenamento de datos, que terá un custo superior aos sete millóns; e desenvolverase a segunda fase do procesador cuántico Cumio, que terá un investimento de 18 millóns.

A construción do novo edificio, que contará cuns 6.000 metros cadrados, ten un presuposto asignado de 12,5 millóns de euros.

A intención é que esas novas instalacións e os seus equipamentos estean en funcionamento a mediados de 2026, segundo detallou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "é o maior investimento realizado no CESGA na súa historia", un organismo do que destacou que é "referente a nivel nacional e internacional na súa categoría".

O novo edificio funcionará como un complemento das instalacións que o CESGA ten no campus universitario de Santiago e vai albergar novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas, segundo explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez.

O investimento, que conta cunha achega de 47 millóns da Unión Europea, a través do Perte Chip, do que o CESGA administrará "o 75 por cento do total de España", explicou o conselleiro.

Román Rodríguez tamén destacou que o Finisterrae 4 "vai ter maior capacidade de cálculo e vai estar máis preparado para facer fronte a unha das grandes apostas que temos en Galicia que é a potenciación da Intelixencia Artificial".

Ademais, "coa nova fase da computación cuántica, permitirá almacenar máis metadatos para poder facer as previsións e os cálculos de forma máis axeitada", concluíu o conselleiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade