A Xunta mantén activo un operativo de 300 persoas para limpar as praias
A Xunta mantén activo un operativo de 300 persoas para limpar as praias
Ánxeles Vázquez anunciou a creación dunha comisión experta en ecotoxicidade
Na mar activou un dispositivo con dous helicópteros, cinco buques e sete embarcacións
O Goberno central mobiliza un avión e ofrece axuda para enviar persoal aos areais
A Xunta mantén activo un operativo de 300 persoas que limpa de granulado e outros residuos plásticos 54 praias de 35 concellos galegos, mentres no mar activou un dispositivo con dous helicópteros, cinco buques e sete embarcacións.
Avanzouno en declaracións aos medios a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, tras reunirse con persoal técnico de Meteogalicia para analizar a evolución das correntes mariñas nos vindeiros días.
Ademais, lembrou que o Goberno central achega un avión.
"Non vou profundar en se me parece moito ou pouco o esforzo", admitiu.
Ata o momento, o operativo da Xunta recolleu o equivalente a 80 sacos de granulado, asegurou Vázquez. Ademais, limparon un total de 1.503 quilos doutros plásticos.
"Temos que facer unha batida de todas esas praias onde temos incidencia e ademais facelo de maneira integral, non só de maneira selectiva", relatou.
Volveu insistir na necesidade de "facer o máximo esforzo posible" para que os sacos que se poidan coller no mar "non cheguen a terra" e, sobre todo, "as miles de partículas dispersas que son moi difíciles de coller".
Análise de riscos
Nesta liña, reiterou que o Goberno central debe trasladar "unha análise de riscos" porque, na súa opinión, non se pode "estar así durante dous ou tres meses".
"Non podemos estar condicionados aos ventos, ás correntes, porque iso tamén supón un custo moi importante para as arcas da comunidade autónoma, que por suposto non vai escatimar en medios, pero que, á fin e ao cabo, son os recursos de todos os galegos", explicou.
Ánxeles Vázquez asegurou que hai que saber "que pasou con ese contedor", "se hai sacos ou non" no seu interior e "certificar que sucede co resto de contedores". "O que temos ata o de agora son suposicións", lamentou antes de sinalar que "hai un responsable, o Goberno central".
Comisión experta
Doutra banda, avanzou que a vindeira semana porán en marcha unha comisión experta en ecotoxicidade á que convidarán o Goberno central, segundo afirmou a vicepresidenta segunda, así como a técnicos da Administración, universidades e persoal de centros especializados.
Un dos obxectivos, destacou, será que sirva para "adiantarse con vistas ao futuro" e ver desde Galicia "que é o que esiximos ao Goberno central e a Europa", xa que "non se pode permitir que os océanos acaben cheos de plásticos e destas pequenas partículas".
Outra das motivacións desta "comisión técnica", dixo, é "centralizar" a información para "seguir avanzando en estudos" e "seguir facendo reivindicacións", xa que con "2.500 quilómetros de costa" hai que garantir "a máxima protección" para manter a "excelencia dos mariscos, peixes e augas".
Condicións meteorolóxicas
Ángeles Vázquez recoñeceu que as condicións meteorolóxicas e o feito de que "as condicións de claridade non sexan as mellores" non axudan na procura de sacos no mar, pero "se non se tenta, é imposible".
"Por suposto, priorizamos a seguridade das embarcacións dos pilotos dos helicópteros e debido aos ventos; porque, aínda que non moi intensos, vai haber ventos na costa e vai haber choiva. Si que pedimos precaución á xente que de maneira voluntaria se vaia achegar ás nosas praias, sempre insistindo en que para as praias naturais, o parque nacional e o parque natural hai que pedir o permiso necesario a Patrimonio Natural", manifestou.
Sobre a flotabilidade dos granulados e os sacos, Vázquez insistiu en que hai que facer "o indicible" para que non abran e rompan ao seren golpeados contra as rocas.
Segundo informou o Servizo de Gardacostas de Galicia, o helicóptero Pesca 2 recuperou do mar un saco pechado nas proximidades de Punta Frouxeira en Valdoviño. Súmase así aos outros tres confirmados pola Xunta.
Colaboración do Goberno central
O avión AS102 Rosalía de Castro, mobilizado este sábado por Salvamento Marítimo para buscar sacos de granulado plástico no mar regresou á base sen localizar ningún.
A preguntas dos medios no acto do bicentenario da Policía na Coruña, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, sinalou que o Executivo central está á espera, "con absoluta dispoñibilidade", para que a Xunta demande persoal para a recollida de granulado nos areais galegos.
Nesta liña, defendeu que a administración central ten "persoal suficiente" para facer ese reforzo, pero o Goberno galego trasladoulles que "non era necesario" porque tiña "suficiente persoal".
"Estamos á espera de que se nos demande esa colaboración en terra", insistiu.