Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta non descarta ir aos tribunais se se condona a débeda a Cataluña

A Xunta non descarta ir aos tribunais se se condona a débeda a Cataluña

O vicepresidente primeiro da Xunta admite preocupación no Goberno galego e avisa que defenderán os intereses dos galegos "por riba de todo"

Diego Calvo avanza que as familias cofinanciarán o Bono Deportivo que a Xunta prevé lanzar en xaneiro

 

G24.gal 01/10/2023 11:02 Última actualización 01/10/2023 12:45

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, non descarta que o Goberno galego acuda aos tribunais se finalmente a condonación da débeda de Cataluña se usa como contraprestación polo apoio dos independentistas a unha eventual investidura de Pedro Sánchez.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Calvo xa dá case por feito que Pedro Sánchez será designado candidato tras a nova rolda de consultas do xefe do Estado e fala de preocupación polo posible escenario que se abra a partir de agora.

"Suponse que se proporá un novo candidato, que será Sánchez. Nós estamos preocupados e así o dixemos dende o Goberno galego porque todas as novas que temos, e que están enriba da mesa dende hai semanas, é que para poder formar goberno o primeiro que ten que facer Sánchez é perdoarlle 450.000 millóns de euros a Cataluña, e iso supón que para perdoar ese importe ten que saír doutro lado".

O vicepresidente primeiro admite que de momento descoñecen en que pode concretarse ese posible de acordo de investidura pero insisten e que o Goberno galego, co presidente Rueda á fronte defenderá os intereses dos galegos "por riba de todo". Ao preguntarlle directamente por se acudirían aos tribunais, Calvo dixo que "non hai dúbida (...) cando se produza unha decisión inxusta para Galicia". 

"Dende logo tomaremos as medidas que se precisen en cada momento. Non lle podemos dicir cal agora porque aínda non temos ese acordo plasmado en ningún lado, máis aló dos comentarios e do que din porque os acordos que teñen entre eles polo de agora non son públicos. Dende logo o que teñen que ter claro os galegos é que a Xunta de Galicia, o Goberno de Alfonso Rueda vai defender os intereses dos galegos por riba de todo". 

Debate do estado da autonomía

Nas vésperas do primeiro debate do estado de autonomía de Rueda como presidente da Xunta, o vicepresidente primeiro di observar moito nerviosismo na oposición coas continuas apelacións a un posible adianto electoral en Galicia. Na súa opinión, "o que están anticipando é que os efectos dunha posible investidura de Sánchez van caer mal en Galicia". 

Calvo insiste en que o Goberno Rueda está centrado en resolver os problemas da xente e en darlle "estabilidade" en tempos de incertezas tanto económicas como políticas.

Bono Deportivo 

Diego Calvo, como conselleiro de Deportes, tamén explicou que o Bono Deportivo de 120 euros que a Xunta activará a partir do ano que vén no marco dos Orzamentos da Xunta para 2024 está esperando moito interese. Calvo defendeu, por ser un "importe reducido" que non sexa en función da renda e avanzou que suporá certo "cofinanciamento" das familias dos rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos federados para os que están dirixidas. Calvo apuntaba que a intención é que xa poida solicitarse "a partir de xaneiro". 

"É axudar as familias nun momento determinado e non se fai por renda porque ao final é un importe reducido. Se falásemos dunha axuda moito máis alta ten  sentido facela por renda pero ao ser un importe máis pequeno administrativamente o proceso se atrasa e é moito máis complicado para un importe destas características no que imos esixir un certo financiamento por parte das familias". 

Reunión da Xunta coa alcadesa de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta aféalle á alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, que solicite un aumento das achegas ao Concello en concepto de capitalidade baseado nun estudo solicitado polo goberno local.

Na véspera da reunión entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, coa rexedora, Diego Calvo lembra que existe unha comisión de capitalidade e que as partidas están estipuladas consonte baremos, e pídelle seriedade á hora de falar determinados asuntos. 

"Hai unha comisión da capitalidade onde está o Concello, onde está a Xunta e as cantidades que lle paga a Xunta ao Concello por ter a honra de ser a capital de Galicia están perfectamente estipuladas cuns baremos", segundo Calvo, "un pode facer os estudos que queira pero isto non vai así, non se trata dunha poxa".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos