A Xunta pagará este mes a extra de 218 euros ás pensións non contributivas
A Xunta pagará este mes a extra de 218 euros ás pensións non contributivas
En exercicios anteriores este complemento autonómico aboábase a finais de ano
Os 37.000 galegos que cobran unha pensión non contributiva recibirán este mes o complemento autonómico de 218 euros. O Consello da Xunta aprobou este xoves unha partida de oito millóns de euros para esta extra, que se aboará nun único pagamento e de xeito automático nas contas dos beneficiarios, sen necesidade de facer trámite ningún.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que este ano volven adiantar o pagamento da extra, ao igual que no 2023, e que consolidan a suba do 5,8 % que se aplicou o ano pasado. En exercicios anteriores este complemento autonómico ás pensións non contributivas aboábase a finais de ano.
Galicia é "das poucas comunidades" que mantén "de xeito ininterrompido" durante os últimos 16 anos esta axuda extraordinaria para persoas que non puideron cotizar á seguridade social. Está dirixida a beneficiarios de pensións de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas, do fondo nacional de asistencia social e do subsidio de garantía de ingresos mínimos.