Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno que interveña ante a suspensión xudicial de ducias de parques eólicos en Galicia

A Xunta pídelle ao Goberno que interveña ante a suspensión xudicial de ducias de parques eólicos en Galicia

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, para solicitar unha reunión en que adoptar medidas para "acabar con estas paralizacións que lastran o sector eólico"

G24.gal 14/08/2024 12:13

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, remitiu unha carta á ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, para solicitar unha reunión en que adoptar medidas contra as suspensións xudiciais de proxectos eólicos, que superan no medio centenar en toda Galicia.

A Xunta pide a intervención do Goberno neste asunto ao entender que para a Comunidade galega é “vital” acabar con estas paralizacións que lastran o sector eólico nun momento en que Europa o considera clave para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e lograr a neutralidade climática.

Na misiva, a titular de Medio Ambiente da Xunta lémbralle á ministra que Galicia quere aproveitar as súas potencialidades para “converterse nun punto de referencia para a economía verde”.

Con este obxectivo, prosegue a carta, a Xunta desenvolve unha política eólica que se centra “en garantir a plena compatibilidade do desenvolvemento dos proxectos renovables co territorio e co medio natural, e de garantir o necesario desenvolvemento económico e social coa protección do medio ambiente”.

Para iso, segundo a conselleira, o seu departamento traballa nunha planificación e desenvolvemento do sector eólico baixo a premisa de conseguir no territorio "modelo ordenado e exposto desde a máxima transparencia, cunha avaliación ambiental dos proxectos que se realiza de forma rigorosa e sempre mediante consulta pública e avalada con informes técnicos obxectivos, rigorosos e imparciais".

Por iso, discrepan das decisións que están a poñer trabas ao desenvolvemento do sector. "Aínda que este Goberno respecta as decisións xudiciais que se están producindo respecto ás paralizacións cautelares de varios proxectos, non podemos compartilas", sostén a titular de Medio Ambiente, quen apunta que os técnicos da Xunta están a levar a cabo unha análise pormenorizada na tramitación ordinaria para a instalación dos parques eólicos.

Ademais, a conselleira asegura que a Xunta sempre esixe que os proxectos "superen unha tramitación ambiental rigorosa na que se establece, como non podería ser doutra forma, as condicións que garanten que non se produza un dano ambiental".

Lembrou que o 50 por cento dos proxectos presentados recentemente foron rexeitados pola administración autonómica en base a motivos ambientais tras a avaliación rigorosa da Xunta de Galicia.

Con todo, desde o Executivo autonómico inciden en que é necesario "acabar con estas paralizacións que lastran ao sector nun momento no que Europa, como (a ministra) ben sabe, considérao clave para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e lograr a neutralidade climática".

Por iso, solicita á ministra un encontro no que poder transmitirlle en persoa a “máxima preocupación” da Xunta neste asunto xa que, ante as novas paralizacións producidas, “a descarbonización de Galicia está comprometida”.

“Gustaríame poder coñecer de primeira man, e coa máxima celeridade posible, a súa postura e a do Goberno central sobre esta cuestión e que medidas vai adoptar ante decisións que consideramos que están a prexudicar a Galicia”, conclúe o escrito. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade