Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pide que se "multiplique por oito" o investimento do corredor atlántico

A Xunta pide que se "multiplique por oito" o investimento do corredor atlántico

A Xunta cre que no documento que presentou o comisionado para o Corredor Atlántico hai imprecisións, erros e ausencias irrenunciables para Galicia

G24.gal 09/03/2023 18:59

O presidente da Xunta Alfonso Rueda anuncia que Galicia vai pedir que se "multipliquen por oito" os investimentos anunciados esta semana para o Corredor Atlántico do Noroeste.

Rueda considera "insuficientes" os 1.130 millóns propostos polo comisionado e cualifica de "tramposas" as contas que presentou.

A Xunta cre que no documento que presentou o comisionado para o Corredor Atlántico hai imprecisións, erros e ausencias irrenunciables para Galicia, como a saída sur de Vigo, a terminal de Bouzas ou a modernización da conexión de tren Ferrol-A Coruña-Lugo.

O presidente lembra que Galicia, Asturias e Castela e León cuantifican en 8.000 millóns o investimento necesario para impulsar o corredor, polo que cualifica de absolutamente insuficientes os 1.130 millóns anunciados.

Alfonso Rueda insiste ademais en que o Noroeste non recibiu o mesmo trato que o Mediterráneo.

"Xa tivo moitísimo máis investimento. Se para equiparar o que recibiu o corredor mediterráneo hai que sumar investimento do AVE, son unhas contas tramposas. E, sobre todo, o que importa é o que se vai facer a partir de agora".

Rueda vai levar a reivindicación á reunión do próximo luns en Vitoria cos presidentes do País Vasco, Cantabria e Asturias que convocou o lehendakari Iñigo Urkullu.

"Cremos que é un bo aliado (Urkullu) e que este cumio é unha boa idea. Parece que lle interesa máis ao lehendakari que se faga esta infraestrutura do noroeste que ao propio Goberno central". 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade