Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pide "unha explicación" ao Goberno ao quedar o Corredor Atlántico Noroeste sen fondos da UE

A Xunta pide "unha explicación" ao Goberno ao quedar o Corredor Atlántico Noroeste sen fondos da UE

G24.gal 23/06/2023 14:46

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta pide "unha explicación" ao Goberno de España sobre por que o Corredor Atlántico Noroeste non figura entre os proxectos que se beneficiarán das axudas da Comisión Europea para impulsar a rede comunitaria de transportes.

Do total de 6.200 millóns anunciados este xoves, haberá 247 millóns para proxectos en España como o 'Y vasco' e a conexión do Corredor Atlántico con Francia ou tramos do Corredor Mediterráneo, pero na listaxe de iniciativas seleccionadas non figura ningún do noroeste español

A Xunta considérao "unha pésima noticia" que confirma os seus "temores". De feito, a Consellería de Infraestruturas achácao a "a falta de apoio, a falta de compromiso e a falta de implicación" do Executivo estatal co Corredor Atlántico Noroeste, que é "esencial" para a competitividade de Galicia.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamenta que o corredor que conectará Galicia quede fóra desa repartición de fondos europeos e critica un trato discriminatorio do Goberno central fronte ao Mediterráneo.

Pola súa parte, empresarios galegos aseguran estar preocupados polo futuro do transporte de mercadorías por tren en Galicia. Tamén cren que o Executivo priorizou o Corredor Mediterráneo fronte ao Atlántico.

A falta dunha boa loxística intermodal, entre o ferrocarril e os portos, aseguran, prexudica a competitividade das empresas nos mercados internacionais. Por iso urxen prazos e orzamentos para facer do Corredor Atlántico do Noroeste unha realidade. 

No mes de marzo, o Comisionado para o Corredor Atlántico insistía en que se ían equiparar aos investimentos coas do Corredor Mediterráneo, que leva anos de vantaxe.

En dúas semanas os empresarios manterán unha xuntanza co comisionado, na que van reclamar prazos e orzamentos concretos. O obxectivo é pasar dun 7 a un 21 % no transporte de mercadorías por ferrocarril.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos