Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta pídelle ao Goberno que non lle faga "perder máis tempo" coa xestión do litoral

A Xunta pídelle ao Goberno que non lle faga "perder máis tempo" coa xestión do litoral

Ánxeles Vázquez reclama as competencias que teñen que ver con temas "ambientais, sociais e económicos na franxa da costa"

G24.gal 27/07/2024 13:29

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, pediulle ao Goberno central que lle transfira as competencias da xestión do litoral e non lle faga "perder máis tempo" nin á administración autonómica nin a Galicia.

En declaracións á prensa en Noia, lamentou que non se produciran cambios respecto a este asunto.

"Seguimos na mesma situación. Fai máis dun ano que se aprobou a lei, foi recorrida por unha cuestión de inconstitucionalidade, fai tres meses que temos unha sentenza firme e, malia que nin sequera teriamos que pedir que se nos transfiran os medios, tanto persoais como materiais, fixémolo. E o Ministerio de Política Territorial acábanos de notificar que llo traslada ao de Transición Ecolóxica", explicou.

Segundo a conselleira, o Goberno respondeu cunha "carta moi institucional para lembrar que non ten sentido que se aferren a esas competencias que non lles pertencen e que son propias da comunidade autónoma".

"Espero que non nos fagan perder máis o tempo porque llo están facendo perder tamén a Galicia e aí están os expedientes que non acaban de saír, nin por parte da Xunta de Galicia, que non ten os medios, nin do Goberno central, que os ten totalmente paralizados", advertiu.

A titular de Medio Ambiente desexou que "máis pronto que tarde se reúna a Comisión de Transferencias" e dean eses medios a Galicia para asumir as competencias que teñen que ver con temas "ambientais, sociais e económicos na franxa da costa".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade