A Xunta quere darlle un ultimato a Alcoa e o Goberno pídelle que cumpra o acordado
A Xunta quere darlle un ultimato a Alcoa e o Goberno pídelle que cumpra o acordado
O Executivo quere que a multinacional achegue datos sobre a súa situación para saber se lle poden axudar
A Administración galega di que apoiará a intervención temporal para a vender a factoría a outra empresa, pero advirte a Alcoa que deberá deixar moitos cartos antes de irse
Os representantes dos traballadores din que "o que necesitamos é o que tivemos hoxe, dous gobernos moi claros: van continuar fabricando aluminio primario en España"
A reunión da mesa de seguimento sobre a situación da planta de Alcoa en San Cibrao non serviu para que se tomasen decisións, pero si para que as partes deixasen claras as súas posturas.
Alcoa, logo de pedir un aprazamento para o rearranque das cubas, anunciaba este venres que o luns iniciaría o proceso pero que os cartos esgótanse, e iso compromete o futuro da factoría da Mariña.
Para a Xunta de Galicia, a actitude da multinacional americana "non é o dunha empresa seria". A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, dicía estar "moi enfadada" pola "mala fe, as malas formas" da empresa.
"Propuxen darlle un ultimato para que clarifique dunha vez por todas que vai facer coa planta", dixo Lorenzana, "e un ultimato corto".
"Se non vai apostar pola planta en Galicia, desde a Xunta apoiariamos e acompañaríamos o Estado nunha intervención temporal e instrumental para buscar un eventual comprador", afirmou a conselleira.
Porén, desde a Xunta advirten a Alcoa que se decide irse "terá que deixar moito diñeiro: Monetizar o que supón o incumprimento do acordo, abonar os custos do pasivo ambiental dunha saída desordenada, e os custos laborais".
Pola súa parte a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, pediu á dirección de Alcoa que respecte o acordo que ten cos seus traballadores e trasladoulle que necesitan os datos concretos para saber en que poden axudar economicamente á multinacional.
"Necesitamos saber en que concretamente podemos axudarlles", afirmou Torró. En concreto, a secretaria de Estado de Industria referiuse ás liñas e instrumentos das que dispón o Executivo para apoiar a situación financeira de Alcoa e os seus investimentos, destacando a vía do PERTE de Descarbonización, que esta semana abriu o prazo para poder solicitalo.
Torró non quixo anticipar se o Estado impulsaría a intervención da factoría da Mariña, pero quixo deixar claro que é "importantísima non só para a rexión e a comunidade de Galicia, senón tamén para o conxunto de España".
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, pola súa parte aseguraba que "sexa con Alcoa ou sexa con quen sexa, esiximos que se cumpra o plan de viabilidade porque significa que temos futuro".
Zan enumerou as necesidades da fábrica para seguir e destacou que "sobre todo o que necesitamos é o que tivemos aquí hoxe con dous gobernos moi claros e moi concisos: van continuar fabricando aluminio primario en España, e con esa decisión é co que imos chegar lonxe".
Zan dixo que no tempo que leva presidindo o comité de empresa non vira unha decisión tan clara por parte das administracións.
"A proposta que hai para dentro de dúas ou tres semanas, non vou dicir en que está traballando o Goberno, pero cremos que se hai interese e cumpren co que están dicindo, os traballadores terán un futuro".
"Dixeron que o aluminio primario é estratéxico e fundamental para o país, e para nós iso tamén é moi importante", concluíu.
A comisión de seguimento de Alcoa, integrada por Goberno central, Xunta de Galicia e comité de empresa, volverase reunir en dúas ou tres semanas para que a empresa aclare as súas intencións sobre a planta de San Cibrao e a súa situación financeira.