A Xunta regulará o uso da intelixencia artificial na Administración galega
A Xunta regulará o uso da intelixencia artificial na Administración galega
A Unión Europea elaborou unha proposta de regulamento do uso da intelixencia artificial ao servizo da cidadanía
A Administración galega é a primeira a nivel autonómico que traballa nunha norma propia acorde cos valores comunitarios
As tres universidades galegas elaboraron un estudo sobre o marco ético que debe regular a intelixencia artificial, para determinar, entre outras cousas, o tratamento que se fai dos datos da cidadanía e cales son os algoritmos máis axeitados para traballar con eles. Este informe serviralle á Xunta para regular o uso desta tecnoloxía no sector público autonómico.
Que a intelixencia artificial estea ao servizo das persoas e non só das grandes corporacións é un dos obxectivos nos que traballará a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial que se instala na Coruña. A necesidade dunha norma que vele polos intereses cidadáns e a protección dos nosos datos é unha prioridade para Europa, que xa elaborou unha proposta de regulamento que España deberá someter a proba e na que traballará a AESIA nos próximos meses.
"No segundo semestre de 2023 cando España tome a presidencia da Unión Europea presentarase un estudo neste sentido, e polo tanto de aí poderanse sacar ideas e poñer o apósito antes da ferida, saber que problemas pode ter esa regulación, que atrancos poden ter as empresas e a Administración para que poidan cumprir con ela".
Precisamente a Administración galega está traballando nunha norma propia de uso da intelixencia artificial. A finalidade é que esta tecnoloxía facilite as relacións entre a cidadanía e a Administración, automatice procesos e personalice moitos dos servizos á poboación, garantindo sempre que cumpre cos criterios éticos fundamentais.