A Xunta suspende as clases e pecha as escolas infantís na Mariña polo temporal
A Xunta suspende as clases e pecha as escolas infantís na Mariña polo temporal
Aviso laranxa en todo o litoral galego e vento intenso con refachos de máis de 100 km por hora
A borrasca Ivo obriga a suprimir os primeiros trens Ferrol-A Coruña
A Xunta activou a alerta laranxa por vento na Mariña de Lugo para este mércores a causa da borrasca Ivo. A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases durante toda a xornada e tamén a actividade nas escolas infantís. Nesta zona agárdanse refachos de vento por riba dos 100 km por hora.
Ademais estará activo o aviso de nivel laranxa en todo o litoral galego por temporal costeiro.
Tamén se informou dun fenómeno adverso por vento de nivel amarelo, o que se deixará notar no interior, noroeste, oeste e suroeste da provincia da Coruña, no centro, montaña de Ourense, sur e montaña de Lugo e no interior, Rías Baixas e zona do Miño de Pontevedra.
A suspensión das clases aplícase durante toda a xornada para un total de 15 concellos: Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove.
Nestas zonas suspenderase, así mesmo, toda a xornada o transporte escolar de uso especial.
Tamén a Consellería de Política Social e Igualdade suspende a actividade nas escolas infantís 0-3 de titularidade pública autonómica e traslada unha recomendación ao resto de centros para que adopten a decisión acordada na Comisión Escolar de Alertas.
O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, defendeu que é "necesario" suspender as clases este mércores na Mariña lucense "por un principio de prudencia".
A decisión de suspender as clases este mércores foi trasladada "inmediatamente" á comunidade educativa, tanto no portal web da Consellería como ás direccións dos centros.
Ademais, por primeira vez enviouse unha mensaxe ás familias afectadas a través da plataforma Abalar, así como a todo o profesorado, co obxectivo de explicar "didácticamente" por que toman esta medida e tamén "con antelación" para que "a xente poida organizar a súa vida".
Outras actividades que se suspenden
Ademais da actividade lectiva e nas escolas infantís, a Secretaría Xeral para ou Deporte anunciou que se supenderá durante a mañá deste mércores a actividade deportiva federada e do programa Xogade en toda Galicia.
Así mesmo, a actividade deportiva federada no mar quedará suspendida durante todo o día en toda Galicia.
O Concello de Lugo pechará na tarde deste martes os parques da cidade e lembra a situación de prealerta do Miño, que desaconsella o tránsito peonil no tramo do paseo entre o balneario e o restaurante Muíño pola enchente.
O Goberno galego lembra ademais a importancia de manterse apartado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos.
Na costa, a alerta laranxa elévarase a vermella o xoves desde o norte das Rías Baixas ata A Mariña.
A borrasca Ivo obriga a suprimir os primeiros trens Ferrol-A Coruña
Renfe comunicou este mércores a supresión de dous trens de Media Distancia entre Ferrol e A Coruña "debido a condicións meteorolóxicas adversas", en referencia á chegada da borrasca Ivo a Galicia.
A compañía pública estableceu un plan de transporte por estrada para as conexións das 06:35 horas entre A Coruña e Ferrol e das 08:40 horas entre a cidade naval e a herculina.
Entre o domingo e o luns, por mor do temporal Herminia, o servizo entre ambas as localidades tamén quedou temporalmente interrompido, do mesmo xeito que o que une Ferrol con Asturias, que non quedou restablecido ata a mañá do martes.