Ivo, con refachos de 166 km/h, deixa xa 315 incidencias, 9.000 nenos sen clase e problemas no transporte
Ivo, con refachos de 166 km/h, deixa xa 315 incidencias, 9.000 nenos sen clase e problemas no transporte
Ivo, con refachos de 166 km/h, deixa xa 315 incidencias, 9.000 nenos sen clase e problemas no transporte
Resoltas as incidencias na subministración eléctrica
Atrasos, desvíos e cancelacións en trens e avións en toda Galicia e suspendido o transporte marítimo na ría de Vigo
A Xunta mantén a vixilancia por risco de inundacións nos ríos Azúmara, Mandeo, Mendo, Tambre, Lérez e Miñor
A nova borrasca Ivo, a terceira que afecta a Galicia en menos dunha semana, provocou xa este mércores 315 incidencias ata as 17 horas, segundo informou o servizo de emerxencia 112 Galicia. A maioría, máis dun cento, foron por caídas de árbores e ramas na estrada, ou problemas con cables de luz ou teléfono (46).
Os servizos de emerxencias tamén tiveron 20 saídas relacionadas con problemas pola presenza de bolsas de auga nas estradas e 74 para a retirada de obxectos susceptibles de caer a vía ou outras incidencias que puideran poñer en risco á poboación.
Por provincias, A Coruña e Pontevedra son as máis afectadas con 127 e 116 incidencias, respectivamente; mentres que en Lugo contabilízanse 53 e en Ourense, 19.
Se atendemos aos concellos, sinalamos os que rexistraron maior número de intervencións en cada provincia. Así, na Coruña, Santiago (16), Narón (6), A Coruña (6), Ferrol (5), Ames (5); en Pontevedra, Vigo (45), Pontevedra (14), Redondela (6), ; en Lugo, Burela (7), Vilalba (5), Friol (4); en Ourense, Maceda (3), O Barco (2), Carballiño (2), Celanova (2).
Á primeira hora deste mércores rexistrouse un refacho de vento de 166,5 quilómetros por hora na estación de Penedo do Galo, en Viveiro (Lugo), situada a menos de 900 metros de altitude.
A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as clases durante toda a xornada, do mesmo xeito que a actividade nas escolas infantís na Mariña lucense. En total quedaron sen clase nesta comarca da costa de Lugo 9.000 alumnos.
A actividade deportiva federada no mar e o programa Xogade tamén foron cancelados. Esta suspensión aplica para un total de 15 concellos: Alfoz, A Pontenova, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove.
Ata o momento, este non foi tanto como o temporal precedente.
"Despois do que pasamos a fin de semana, hoxe, nin tan mal". afirma a alcaldesa de Burela, María del Carmen López Moreno.
Así todo foi outro día de parques e paseos marítimos pechados. Aos estragos que houbo o domingo sumáronse máis.
"Non son danos moi moi graves, son danos típicos: lousas, chapas de fachadas... o que foi deixando o temporal, agora algo de auga e máis vento..." di Álvaro Pico Fernández, xefe de quenda dos Bombeiros de Barreiros.
Despois do refacho de case 170 quilómetros por hora rexistrado na Mariña, a seguinte marca de vento en Galicia nas últimas horas, 157 quilómetros por hora, deuna Carballeda de Valdeorras.
En Cedeira (A Coruña), acadáronse os 137,5 km/h e na Costa da Morte un refacho alcanzou 129,3 km/h ás seis da mañá. En Carballeda de Valdeorras (Ourense) o vento tamén foi de grande intensidade e chegou aos 157 km/h.
Meteogalicia mantén o aviso laranxa en todo o litoral galego. Galicia tamén ten activado o aviso amarelo por tormentas con posibilidade de saraiba e choivas, recollendo ata 15 litros por metro cadrado nunha hora. Deste xeito, Santa Comba, no interior da Coruña, rexistrou xa 46,2 litros por metro cadrado acumulados.
As chuvias causaron inundacións en vivendas de Ames e O Pino (A Coruña) que requiriron da intervención dos efectivos de emerxencias.
A auga tamén se acumula nos ríos que, nalgúns casos, fan esforzos por non saíren do leito. A Xunta mantén activa a vixilancia por risco de desbordamento en ríos como o Lérez ou o Tambre.
"Estamos facendo o control necesario por se rebordan algúns ríos, pero non hai datos para falar dunha situación alarmante", explica a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez.
A borrasca deixou intensas precipitacións tormentosas que provocaron a caída de máis de 400 raios, concentrados especialmente no sur da provincia da Coruña e o interior da de Pontevedra, segundo o visor de Meteogalicia.
A montaña lucense ten aviso por nevadas e con acumulacións en 24 horas de 5 centímetros a partir dos 1.000 metros de altitude.
A pegada de Ivo en Galicia
A pesar dos centenares de avisos, non se produciron feridos vinculados ao temporal, segundo sinala a Axega, que trasladou alertas por accidentes de circulación desde primeira hora da mañá polos efectos adversos da borrasca nas estradas.
Antes das 09,00 horas, un coche impactou contra un colector caído na rúa na avenida de Val Miñor en Nigrán (Pontevedra). Tamén na provincia de Pontevedra, un vehículo chocou contra unha árbore na Estrada, mentres que en Miño (A Coruña), un condutor chamou ao 112 para informar de que acababa de sufrir un accidente contra outra árbore, que non sabía se se atopou con el ou lle caía encima.
En Vigo, os bombeiros tiveron varias saídas para atender problemas pola caída de árbores ou ramas, que cortaron a circulación na rúa Conde de Castrelos ás 09,00 horas. En Tui (Pontevedra), os servizos de emerxencia rescataron a un coche que quedou atrapado nun camiño ao toparse cunha acumulación de auga que cubría ata a metade da porta do vehículo, mentres que en Pontevedra, unha ambulancia sufriu danos ao caerlle unha árbore encima cando se atopaba na avenida de Vigo.
'Ivo' tamén causou estragos en varios edificios, con desprendementos en fachadas dun edificio da avenida do Bierzo do Barco (Ourense) e dunha casa deshabitada do concello pontevedrés de Cambados. Xa no mediodía, as granizadas provocaron saídas de vía no quilómetro 39 da estrada OU-536 e no 274 da A-52 ao seu paso pola Cañiza (Pontevedra). En ambos os casos, non houbo que lamentar feridos.
No concello coruñés de Aranga, un vehículo saíu da vía, no quilómetro 542 da A-6, por mor do aquaplaning. Tamén nesa localidade, un turismo pasou por encima dunha árbore, pero sufriu só danos materiais.
En Bergondo, unha persoa quedou atrapada no seu vehículo tras unha colisión frontal. Os bombeiros liberárono e trasladárono ao hospital xunto co ocupante do segundo vehículo involucrado no accidente.
En Ribeira, varias uralitas dun edificio caeron e impactaron contra un guindastre. En Sanxenxo unha persoa chocou contra un colector do lixo que se desprazou ata o medio da rúa por mor do vento. Así e todo, non se rexistraron feridos.
Suprimidos os primeiros trens do día Ferrol-A Coruña
Renfe comunicou este mércores a suspensión de dous trens de Media Distancia entre Ferrol e A Coruña "debido a condicións meteorolóxicas adversas", en referencia á chegada da borrasca Ivo a Galicia.
A compañía pública estableceu un plan de transporte por estrada para as conexións das 06:35 horas entre A Coruña e Ferrol e das 08:40 horas entre ambas as cidades.
Entre o domingo e o luns, por mor do temporal Herminia, o servizo entre as dúas localidades tamén quedou temporalmente interrompido, do mesmo xeito que o que une Ferrol con Asturias, que non quedou restablecido ata o martes á mañá.
Este mércores, durante unhas horas, estivo interrompido o tráfico entre Ferrol e Ribadeo por unha árbore sobre as vías, aínda que Adif comunicou que a incidencia se solucionara e restableceuse o servizo
Cancelacións, desvíos e atrasos nos tres aeroportos galegos
Segundo informou AENA, no aeroporto de Vigo dous voos procedentes de Madrid non puideron tomar terra e tiveron que regresar a Baraxas, mentres que outro coa mesma orixe quedou cancelado.
No aeroporto da Lavacolla, en Santiago, desviouse un voo que procedía de Bilbao e que tivo que aterrar en Asturias. Isto provocou a cancelación do seguinte voo cara á cidade vasca.
Finalmente, no aeroporto coruñés de Alvedro, o voo procedente de Madrid que debía aterrar ás 08:40 tivo que ser desviado ao aeroporto de Santiago.
Na ría de Vigo o transporte marítimo foi suspendido polas condicións meteorolóxicas.
Dous mil usuarios quedaron sen luz
Por mor dos fortes refachos de vento e precipitacións da borrasca, unhas 2.000 persoas en Galicia iniciaron a xornada sen subministración eléctrica. A última hora da xornada Naturgy informaba de que xa foron resoltas as incidencias, malia que admite que poida quedar pendente algún "caso puntual".
Alerta vermella o xoves por ondas no litoral da Coruña e Lugo
Galicia activará mañá xoves un aviso extremo por ondas de máis de 9 metros no litoral da Coruña e de Lugo pola borrasca Ivo, que tamén deixará choivas, vento, nevadas e frío polar, principalmente na montaña de Lugo e de Ourense.