A Xunta ve no rexistro de galiñeiros "outro exemplo de burocracia innecesaria"
A Xunta ve no rexistro de galiñeiros "outro exemplo de burocracia innecesaria"
O conselleiro do Medio Rural di que esta obriga forma parte dun proceso estéril e non redunda en ningún tipo de beneficio para a poboación
O conselleiro do Medio Rural en funcións José González participou por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, presidido polo ministro de Agricultura e Pesca Luis Planas.
Nesta xuntanza virtual volveu trasladar o rexeitamento da Xunta ao rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo imposto pola normativa estatal. O conselleiro sinalou que para o Goberno galego esta obriga forma parte dun proceso estéril e non redunda en ningún tipo de beneficio para a poboación.
Para González é "outro exemplo de burocracia innecesaria" imposta ao rural, e censurou que esta norma fose executada polo Ministerio de Agricultura sen medir as súas consecuencias e sen atender a postura da Xunta, e reclamou ademais a súa modificación urxente.
Explicou que a Consellería do Medio Rural traballa da man dos propietarios dos galiñeiros e das tendas de venda de aves para minimizar no posible as trabas que provoca este trámite, facilitando a compra dos animais mostrando o DNI do titular. En Galicia xa son máis de 50.000 os galiñeiros rexistrados neste momento.
En relación co exceso de burocracia que supón o rexistro obrigatorio, o conselleiro definiu como "insuficiente" a postura do Ministerio sobre a modificación da PAC, ao entender que non se adecúa ás necesidades de Galicia.
González volveu insistir en solicitar unha maior flexibilidade na aplicación destas políticas, en liña coas demandas dos agricultores e os gandeiros.