As visitas nos hospitais galegos, só con certificado covid desde este sábado
As visitas nos hospitais galegos, só con certificado covid desde este sábado
Segundo o TSXG, a medida cumpre "a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos"
O Diario Oficial de Galicia xa publicou a norma, que entrou en vigor esta medianoite
O acceso de visitas e de acompañantes de pacientes nos hospitais públicos e privados de Galicia deberá facerse amosando o pasaporte covid-19, segundo autorizou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a quen a Xunta de Galicia lle solicitara o permiso para implantar esta medida preventiva de seguridade sanitaria.
A norma, segundo os maxistrados, cumpre "a función de evitar contaxios e de minimizar os riscos". Entrou en vigor esta medianoite, xa que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres o texto.
"Conciliar que o paciente reciba visitas coa necesidade de evitar contaxios”
Os xuíces, segundo informa o departamento de prensa do TSXG, din no auto que é "unha evidencia científica" que a transmisión da covid-19 entre os vacinados é "moito menor á dos non vacinados", polo que rexeitan que a exhibición do certificado de vacinación, recuperación ou proba negativa constitúa "un sacrificio desproporcionado" para os visitantes ou acompañantes dos enfermos.
Os maxistrados consideran "xustificado", debido á situación epidemiolóxica actual da comunidade, adoptar "medidas que permitan conciliar a posibilidade de que o paciente reciba visitas e estea acompañado coa necesidade de evitar contaxios".
A Sala destaca no auto que a medida ten como obxectivo controlar o acceso de persoas a espazos pechados dos hospitais nos que se poden agrupar "factores que aumentan o risco de transmisión do virus", pois neles "establécense contactos próximos e prolongados entre os doentes e os seus acompañantes e as visitas, en ocasións en habitacións compartidas con outras persoas ingresadas, mesmo coa posibilidade de pasar a noite".
Ademais, indica que nesas dependencias realízanse actividades nas que é necesaria a retirada da máscara ou existe dificultade para o seu uso correcto, á vez que salienta que a Xunta trata de "garantir a seguridade sanitaria" e de "diminuír o risco de contaxio nestes establecementos".
Excluídas consultas ou servizos de urxencia
O tribunal destaca que a orde limita a exhibición da documentación aos centros onde os pacientes están hospitalizados, pois “exclúe expresamente outros espazos como consultas hospitalarias ou servizos de urxencia, xa que neles non se produce unha estancia prolongada, co consecuente risco de transmisión do virus”. Tamén están excluídos da medida os menores de 12 anos.
"Protexer tanto os doentes hospitalizados e o persoal que presta o servizo"
A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG sinala que a “redución significativa dos contaxios” que persegue a orde da Xunta “alcanza maior significado cando se trata de protexer tanto aos doentes hospitalizados, que presentan unha especial vulnerabilidade, como ao persoal que presta o servizo de asistencia sanitaria e que desenvolve o seu traballo no interior dos hospitais".
Para autorizar a medida, o TSXG tamén tivo en conta que a Consellería de Sanidade ofrece unha alternativa ás persoas que non estean vacinadas, pois se lles permitirá o acceso se aceptan voluntariamente someterse a unha proba diagnóstica realizada no hospital. Contra a resolución do alto tribunal galego cabe interpoñer recurso.