Arizona recupera unha lei de 1973 que prohibe o aborto en case todos os casos
Arizona recupera unha lei de 1973 que prohibe o aborto en case todos os casos
A xustiza levantou o bloqueo da norma, despois de que o Supremo dos EUA revogara a protección ao aborto no país
A xustiza de Arizona pronunciouse este venres a favor do Goberno do estado e permitiu que se aplique unha lei de 1973 que prohibe o aborto en practicamente a totalidade dos casos.
A xuíza do condado de Pima, Kellie Johnson, decidiu levantar un bloqueo de case 50 anos da norma, despois de que o Tribunal Supremo dos Estados Unidos revogara en xuño a protección ao aborto en todo o país e permitira de facto a cada estado fixar as súas leis.
A lei prohibe os abortos en todos os casos salvo naqueles nos que a vida da nai estea en perigo. Desde a decisión do Supremo, varios estados controlados polo Partido Republicano aprobaron ou recuperaron leis contrarias ao aborto.
Virxinia e Indiana
A mediados de setembro, as cámaras lexislativas estatais de Virxinia Occidental prohibiron por lei o aborto en case todos os supostos, con excepcións unicamente en caso de violación, incesto ou cando a vida da nai estea en perigo. Ata entón, o aborto fora legal en Virxinia Occidental ata as vinte semanas de xestación.
O estado -un dos máis conservadores do país- converteuse así no segundo en prohibir o aborto por lei desde que o Supremo revogara a sentenza "Roe contra Wade" que protexía desde 1973 o dereito da muller para elixir. En agosto, Indiana -tamén baixo control republicano- foi o primeiro estado en dar este paso.