Abascal acusa a Sánchez de dar un golpe de Estado e Vox abandona o pleno

Francina Armengol pediulle a Abascal que retirase esas palabras, pero o líder de Vox non quixo facelo

Os deputados de Vox abandonaron o pleno mentres Patxi López denunciaba "o seu discurso de odio"

Os deputados de Vox abandonan o pleno tras a intervención de Abascal Os deputados de Vox abandonan o pleno tras a intervención de Abascal
G24.gal 15/11/2023 18:20 Última actualización 15/11/2023 18:47

O presidente de Vox, Santiago Abascal, lembrou que Hitler chegou ao poder en Alemaña cunhas eleccións e acusou a Pedro Sánchez de estar a dar un golpe de Estado e de subverter a orde constitucional aínda que sexa mediante a "ditadura dos votos".

Unhas duras acusacións no debate de investidura que a presidenta do Congreso, Francina Armengol, lle pediu a Abascal que retire.

"Pídolle que retire as palabras de golpe de Estado porque se non fai, en función das miñas competencias, retirareinas eu", alertou.

Abascal contestou que non ía retirar a súa "propia interpretación do que se está vivindo en España" e que se o facía Armengol non faría máis que confirmar que "xa nin os deputados teñen liberdade de expresión na tribuna de oradores do Congreso". 

O líder de Vox e todos os seus deputados abandonaron o hemiciclo do Congreso dos Deputados ao acabar a súa intervención e cando lle correspondía a quenda de réplica do candidato do PSOE á investidura, Pedro Sánchez.

"Agora pode vostede lanzar os seus embustes a quen queira escoitalo, que nós irémonos xunto ao pobo español", anunciou o propio Abascal xusto antes de marcharse co resto de deputados do seu grupo. Todo mentres o socialista Patxi López denunciaba "o seu discurso de odio"

O candidato á Moncloaa, Pedro Sánchez, decidiu non replicar ao presidente de Vox. Patxi López interveu para defender a Sánchez e ao grupo socialista e coincidiu con Armengol de que son palabras que deben desaparecer do diario de sesións.

"É unha ofensa ao conxunto desta Cámara. Os socialistas sempre combatemos todas as ditaduras, aos ditadores e todos os golpes de estado, que igual algúns estrañan e queren emulalos", recalcou López.

Neste sentido, Sánchez subscribiu as súas palabras e a presidenta do Congreso deixou claro que "non estamos ante un golpe de Estado" á vez que lembrou que "desgraciadamente aquí temos os signos do último golpe", polos disparos do intento de golpe do 23F que hai nos teitos da Cámara Baixa.

"Como presidenta tócame defender o decoro desta Cámara. Quedan retiradas todas as palabras do señor Abascal do diario de sesións", concluíu
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade