Abre o prazo de solicitude das bolsas de Excelencia Mocidade Exterior
Abre o prazo de solicitude das bolsas de Excelencia Mocidade Exterior
Buscan atraer os galegos residentes no estranxeiro para que completen a súa formación universitaria e queden a traballar en Galicia
O prazo de inscrición está aberto ata o 28 de abril, e as axudas das bolsas oscilan entre os 7.500 ata 12.000 euros
"Volver e retornar á terra de onde eran meus avós e miña nai é moi reconfortante, e é tamén un xeito de agradecerlles o que eles me deron na miña educación e en toda a miña vida", conta Estefanía Pichel, unha moza arxentina, filla e neta de emigrantes do Saviñao.
A Estefanía cústalle falar sen emocionarse. Ela é unhas das 250 persoas que este ano obtiveron unha bolsa da Secretaría Xeral da Emigración para completar a súa formación universitaria en Galicia. A súa idea é poder atopar aquí un traballo.
"É unha experiencia moi boa, enriquecedora, aprendes moito, tamén coñeces outros compañeiros que están na mesma situación".
"Non é só que veñan estudar un mestrado a Galicia senón que tratar de axudarlle que logo esa experiencia que eles traen, se poida incorporar ás nosas empresas porque para Galicia é un auténcico luxo e unha vantaxe competitiva moi importante", apunta Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración.
E é que o 80 % dos 1.400 estudantes que levan, dende o ano 2017, participando neste programa quedaron finalmente en Galicia. Esa é idea tamén de Felipe. Seus avós emigraron ao Brasil, e agora quere recuperar o contacto coas súas raíces.
"Gustaríame moito quedar aquí porque me encantou toda a cultura, todo o país", explica Felipe Faría, brasileiro, neto de emigrantes de Salvatera de Miño.
O Goberno galego destinará a esta nova convocatoria, que ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 28 de abril, máis de 2 millóns. As axudas oscilan entre os 7.500 euros e os 12.000, dependendo do número de créditos que se cursen e do continente de procedencia.