Aberto o prazo para solicitar o bono enerxía do pequeno comercio
Aberto o prazo para solicitar o bono enerxía do pequeno comercio
A Xunta repartirá 4,2 millóns de euros en axudas para reducir a factura da luz mellorando a eficiencia enerxética
O propietario dun dos comercios que recibiron o bono enerxía na edición anterior cifra en máis do 50 % o aforro na factura da luz tras substituír o sistema de iluminación e a instalación eléctrica por outros máis eficientes.
"A luz que tiñamos era halóxena e xeraba moita calor, obrigábanos a ter a ventilación case sempre acendida. Roldabamos os 145-150 euros ao mes. Agora estamos nos 50, 50 e poucos", asegura Alberto González, comerciante.
A deste ano é a terceira edición do programa. A Xunta destinará 4,2 millóns de euros, o dobre que na edición anterior, cos que pretenden impulsar unhas 1.500 actuacións en toda Galicia. Os cartos van dirixidos a pemes e persoal autónomo do comercio, a hostalería e o sector servizos.
"Para que poidan investir na eficiencia enerxética e ter, por tanto, un aforro na factura enerxética. É unha iniciativa orientada claramente a que o pequeno comercio poida solventar esta situación de incremento do prezo eléctrico", explica Francisco Conde, conselleiro de Economía, Industria e Innovación.
O prazo para solicitar as axudas xa está aberto. Atenderanse por orde de solicitude. Aboarán ata un 80 % do investimento, cun máximo de 6.000 euros.