Abren os colexios electorais en Grecia para os comicios lexislativos
Abren os colexios electorais en Grecia para os comicios lexislativos
A conservadora Nova Democracia parte como favorita, 6 puntos por diante da esquerdista Syriza, de Alexis Tsipras
Os 21.500 colexios electorais de Grecia abriron as súas portas ás sete da mañá (hora local) para que os preto de 10 millóns de persoas convocadas ás urnas elixan un novo Parlamento e Goberno.
Segundo as sondaxes, só cinco do total de 35 partidos que se presentan nestas eleccións xerais teñen posibilidade de superar o limiar requirido, do 3 % dos votos, para entrar no Parlamento heleno, de 300 escanos.
A formación conservadora Nova Democracia (ND), do primeiro ministro Kyriakos, parte como favorita cun 32 % da intención do voto, 6 puntos por diante do partido esquerdista Syriza, do anterior xefe de Goberno Alexis Tsipras (26 %).
En terceiro lugar, cun 9 %, está o socialdemócrata Pasok-Kinal, seguido do Partido Comunista (6,5 %) , o esquerdista MERA25 do exministro de Finanzas Yanis Varufakis (3,5 %) e o partido ultradereitista Solución Grega (3,2 %).
Son as primeiras eleccións que celebra Grecia desde que quedou libre dos mecanismos de supervisión económica da Unión Europea, impostos tras o seu primeiro rescate financeiro en 2012 para saír da crise causada por un elevado endebedamento.
Novas eleccións
Segundo as sondaxes, ningún dos partidos chegará á porcentaxe mínima do 45 % necesario para facerse coa maioría absoluta de 151 escanos. No caso de que non se poida formar un Goberno tras estes comicios, convocaríanse novas eleccións a principios de xullo.
Neste suposto, reintroduciríase unha bonificación de ata 50 escanos á formación votada, á que así lle alcanzaría un 37 % dos votos para ter a maioría absoluta no Parlamento.
Tras doce horas de apertura, as urnas pechan ás 19:00 horas. Os primeiros datos do escrutinio dos votos que permitan "unha estimación segura" do resultado final agárdanse preto dunha hora e media despois, segundo avanzou o Ministerio do Interior.