Absolven os membros da suposta rede de contrabando que lideraba Nené Barral
Absolven os membros da suposta rede de contrabando que lideraba Nené Barral
O que fora alcalde de Ribadumia e outros tres acusados morreron antes de que se celebrara o xuízo
A Audiencia de Pontevedra absolveu as oito persoas xulgadas pola súa presunta relación cunha rede de contrabando de tabaco que, segundo os investigadores, estaba liderada polo exalcalde de Ribadumia, Nené Barral.
Barral, alcalde deste municipio entre os anos 1983 e 2001, xa non puido ser xulgado por esta causa, aberta hai máis de dúas décadas, ao falecer en novembro de 2023.
O tribunal tamén declarou extinguida a responsabilidade penal doutros tres sospeitosos vinculados con esta rede que, do mesmo xeito que o exalcalde, faleceron ao longo do procedemento.
Estaban acusados dos delitos de contrabando de labores de tabaco, asociación ilícita e suborno activo e pasivo e, no caso de tres deles, dous funcionarios do servizo de vixilancia aduaneira e un garda civil, por revelación de segredos por funcionario público.
Os maxistrados consideran probado que o 14 de maio de 2001 arribou no porto de Vigo un buque cargado con contedores, achándose no seu interior tabaco da marca Magnun Especial, de procedencia extracomunitaria, camuflado entre madeira contrachapada.
Inspeccionados outros tres contedores, resultou que nos mesmos había idéntico tipo de mercadoría, en total, 431.948 paquetes de tabaco, cun valor de 127.424.660 pesetas (765.822 euros).
O tribunal dá por probado o alixo, pero non a participación dos oito procesados que chegaron a xuízo "nin nese feito nin en ningún outro dos que conforman os escritos de acusación".
Dous dos acusados eran funcionarios do servizo de vixilancia aduaneira con destino na Coruña e prestaban os seus servizos como observadores aéreos da costa oeste galega para vixiar a entrada de mercadorías ilícitas.
A sentenza destaca que non consta que transmitisen "con fins ilícitos" a información que obtiñan a outro procesado, xefe da base marítima de Vixilancia Aduaneira na Coruña -falecido en 2019- e do que non tiñan dependencia xerárquica nin funcional.
De igual modo, segundo a sentenza, tampouco consta que outro dos sospeitosos, de profesión garda civil, transmitise información obtida no exercicio propio da súa función a outros dous acusados de pertencer a esta presunta organización criminal.
A ausencia de proba de cargo nesta operación de contrabando de tabaco, despois de anularse as escoitas realizadas durante a investigación, "determina a libre absolución de todos os acusados", indica o tribunal na súa sentenza.
Este fallo non é firme e pode ser recorrido ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.