Publicador de contidos
Publicador de contidos

Acerbaixán confirma a suspensión da súa operación militar en Nagorno Karabakh

Acerbaixán confirma a suspensión da súa operación militar en Nagorno Karabakh

O continxente de paz ruso  garantirá a retirada, o desarmamento e a disolución das unidades karabakhís

Acerbaixán lanza unha operación militar no Karabakh que xa deixa 25 mortos

Continxente das forzas de paz rusas evacuando poboación/Reuters Continxente das forzas de paz rusas evacuando poboación/Reuters
G24.gal 20/09/2023 11:55

Acerbaixán confirmou hoxe a suspensión da operación militar que lanzara onte martes contra o territorio separatista de Nagorno Karabakh tras aceptar as autoridades da autoproclamada república poboada por armenios renderse e desarmar por completo os seus grupos armados.

"Tendo en conta o chamamento dos representantes dos residentes armenios de Karabakh, que se recibiu a través do continxente de mantemento da paz ruso, chegouse a un acordo para suspender as medidas antiterroristas o 20 de setembro de 2023", sinalou o Ministerio acerbaixano de Defensa.

Bakú sinalou que, en virtude do acordo alcanzado, "as formacións armadas armenias situadas na rexión de Karabakh da República de Acerbaixán e as formacións armadas armenias ilegais depoñerán as armas, abandonarán as posicións de combate e os postos militares e desarmaranse por completo".

Ademais, as "unidades das Forzas Armadas armenias abandonarán o territorio de Acerbaixán e as formacións armadas armenias ilegais do Karabakh serán disoltas".

Ao mesmo tempo, recalcou Acerbaixán, entregarán todas as armas e equipo pesado.

O continxente de paz ruso despregado en Nagorno Karabakh desde o cesamento do fogo alcanzado na última guerra polo control deste enclave no outono de 2020, garantirá a retirada, o desarmamento e a disolución das unidades karabakhís.

Acerbaixán sinalou que na reunión que se celebrará o xoves "a proposta da Presidencia acerbaixana" con representantes dos residentes armenios en Nagorno Karabakh na localidade de Ievlakh, abordarase a "reintegración" da poboación baixo a Constitución e as leis da República" acerbaixana.

Ievlakh está a uns 100 quilómetros da capital karabakhí, Khankendi (Stepanakert para os armenios).

O cesamento de hostilidades prodúcese 24 horas despois de que o Exército acerbaixano comezara a bombardear Nagorno Karabakh co fin de restaurar a "orde constitucional" no territorio separatista, poboado por uns 120.000 armenios.

O enclave tiña poucas posibilidades de resistir a nova arremetida de Acerbaixán, que iniciou a ofensiva tres anos despois da última guerra polo control do enclave e tras sometelo durante máis de nove meses a un bloqueo.

En decembro de 2022 cortou o corredor de Lachín, a única vía de comunicación entre Armenia e Nagorno Karabakh.

Armenia perdeu na guerra de 44 días en 2020 dous terzos de territorio na rexión de Karabakh que controlaba tras a contenda de 1992-1994, incluída unha parte da república autoproclamada de Nagorno Karabakh, pero non a capital, Stepanakert.

Segundo Armenia, na máis recente operación militar de Acerbaixán faleceron en 24 horas polo menos 32 persoas, entre elas sete civís, en tanto que Bakú só informou das baixas civís,  e ningún militar, dúas en total. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade