Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acordo in extremis entre PSOE e Sumar para que o SMI non tribute este ano

Acordo in extremis entre PSOE e Sumar para que o SMI non tribute este ano

A primeira hora da mañá Yolanda Díaz acusaba a Facenda de levantarse da mesa e romper as negociacións

O acordo alcanzado resolve o problema so para este ano, xa que a discrepancia volverá saltar cando se abra o debate para a subida do SMI de 2026

Díaz afirma que "se fixo xustiza" co SMI, que tributará cando chegue ao 60% do salario medio neto

María Jesús Montero e Yolanda Díaz, nos seus escanos no Congreso (Europa Press/Candela Ordóñez)
G24.gal 28/03/2025 10:31

Os Ministerios de Traballo e Facenda pecharon in extremis este venres un acordo para que os perceptores do salario mínimo interprofesional (SMI) non teñan que tributar no IRPF en 2025, informan fontes do Ministerio de Traballo.

O acordo consiste en introducir unha dedución na cota do IRPF que faría que os asalariados que cobran o SMI ou menos non tributen este exercicio. 

Á vista dos argumentos de ambas as partes, o acordo alcanzado hoxe resolve o problema unicamente para este ano, xa que a discrepancia volverá saltar cando se abra o debate para a subida do SMI de 2026.

O Goberno cifrara este colectivo no 20 % dos perceptores do SMI, basicamente aqueles sen cargas familiares, aos que se retén uns 20 euros na nómina.

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero defendía este xoves en rolda de prensa que a dedución ten un custo para as arcas públicas de algo máis de 200 millóns de euros, moi por baixo dos preto de 2.000 millóns que supoñería elevar o mínimo exento, a fórmula que quería Traballo.

Á primeira hora deste venres, a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, daba por rota a negociación con Facenda e aseguraba que onte ás dez da noite Montero "deu a instrución de levantarse da mesa".

Díaz defendeu en declaracións a Telecinco o SMI debe supoñer polo menos o 60 % do salario medio neto, sen impostos, e que se non se eleva o mínimo exento non se está garantindo esa porcentaxe.

Pouco despois chegaba a rectificación. Díaz, en declaracións a Telecinco recollidas por Europa Press, afirmara que ao redor das dez da noite de onte Facenda se levantou da mesa na que se estaba negociando unha compensación aos perceptores do SMI por non quedar este exento do IRPF.

"Onte ás 10 da noite estaba a negociarse, para que a cidadanía entenda, pero ela levantouse desa mesa, é dicir, deu a instrución de romper as negociacións", subliñou a ministra de Traballo.

Díaz afirma que "se fixo xustiza" co SMI, que tributará cando chegue ao 60% do salario medio neto. 

"Conseguímolo polo ben do noso país, polo ben dos traballadores. Creo que se fixo xustiza. E hoxe os traballadores que perciban o salario mínimo non van tributar a Facenda", remarcou Díaz.

De cara ao futuro, a ministra de Traballo, que asegurou que "está sen durmir", explicou que o SMI tributará no IRPF cando sexa equivalente ao 60% do salario medio neto.

A vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda, María Jesús Montero, mostrouse satisfeita por este acordo -"debemos darnos o parabén"-, e defendeu que o Goberno de coalición do PSOE e Sumar, con "diálogo" e "esforzo", está "permanentemente tentando conseguir aquilo que poida beneficiar á maioría social" e "termina sempre chegando a acordos".

Montero insistiu en sinalar que se trata de "unha boa noticia", e subliñou que "hai que confiar sempre na capacidade de diálogo e de acordo".

Sumar e os seus aliados celebran o "triunfo" ante o PSOE

Sumar e varios dos seus partidos aliados celebraron o acordo entre o Ministerio de Traballo e Facenda para que os perceptores do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) non tribute no IRPF en 2025, que cualifican de "triunfo e vitoria" do seu espazo e da vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz.

Así se pronunciou, por exemplo, o coportavoz dos Comúns e deputado do grupo plurinacional, Gerardo Pisarello, quen debullou que a exención do SMI consensuada, a pesar de que Facenda inicialmente avogaba pola tributación, é un "paso adiante" e supón, ao seu xuízo, outro "avance social".

Logo deste acordo, PSOE e Sumar fixeron valer este venres a súa maioría na Mesa do Congreso e admitiron os vetos do Goberno ás proposicións de lei rexistradas respectivamente polo PP e Podemos para eximir de IRPF o Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

Feijóo tilda de "chapuza" o acordo

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, cualificou de "chapuza" o acordo entre os ministerios de Traballo e Facenda e opinou que Sumar cedeu "á voracidade fiscal do PSOE".

Considerou que Sumar parece que prefire "a cadeira de brazos e ceden á voracidade fiscal do PSOE, que disparou a recadación en 140.000 millóns desde que goberna" e defendeu a proposta de exención do IRPF do PP.

"A proposta do PP non limitaba a exención a 2025 e liberaba da declaración da renda a quen só percibe o SMI. Agora poderalles saír aos preceptores a pagar", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade