Publicador de contidos
Publicador de contidos

A chuvia superou os 90 litros por metro cadrado e segue activo o Plan Inungal

A chuvia superou os 90 litros por metro cadrado e segue activo o Plan Inungal

Segue o aviso amarelo por chuvia no sur de Galicia

A central de emerxencias do 112 comunicou que non se rexistraron incidencias de consideración

O municipio onde máis choveu foi Lousame, con 90,7 litros por metro cadrado, seguido de Cuntis, con 80,9 litros, e Boiro, con 80,3 litros por metro cadrado

Refachos de vento de 94 quilómetros por hora en Viveiro 

Imaxe este sábado do Río Verdugo, en Ponte Caldelas
G24.gal 05/10/2024 20:03

Logo da intensa chuvia das últimas horas, Meteogalicia anunciou para este domingo unha xornada de tempo inseguro e cambiante.

A Xunta de Galicia mantén activado o Plan Especial de Protección Civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), en fase de preemerxencia. Malia todo xa volveu a normalidade o nivel do río Lérez en Pontevedra e do Verdugo, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Ponte Caldelas, que nas últimas horas deste sábado ameazaban con provocar anegamentos.

Tal e como sinalaba o 112 Galicia, a información recibida a través dos sistemas de seguimento sinala un crecemento significativo do seu caudal.

Nestes momentos, aínda que a choiva segue afectando a comunidade galega, a central de emerxencias comunicou que non rexistrou incidencias de consideración.

Durante a xornada deste sábado, Meteogalicia e a Aemet manteñen activo un aviso amarelo por vento e choivas intensas no oeste e sur de Galicia.

Neste contexto, o municipio onde máis choveu este sábado foi Lousame (A Coruña), en concreto, 90,7 litros por metro cadrado, seguido de Cuntis (Pontevedra), con 80,9 litros por metro cadrado, e Boiro, con 80,3 litros por metro cadrado.

En canto ao vento, o refacho máis forte rexistrouse en Penedo do Galo, na localidade lucense de Viveiro (94.3 km/h). Tamén en Punta Candieira, en Cedeira, e en Castro Vicaludo, en Oia, os ventos superaron os 90 quilómetros por hora.

Xoán Taboada, de Meteogalicia: "Temos avisos para este serán para a madrugada e primeiras horas de mañá domingo. Nesta ocasión unha borrasca extratropical normal sen nome pero si que vai deixar unha noite moi desapracible, polo tanto cómpre ter precaución".
"O mes de setembro foi moi chuvioso, máis do normal. O mes de setembro anterior máis chuvioso teriamos que buscar no ano 1999, así que tecnicamente foi o mes de setembro máis chuvioso do que levamos de século, outubro tamén segue sendo moi chuvioso. Polo tanto arrancou o outono con forza e antes do que é habitual en Galicia".

Tras doce horas de choiva sen tregua, a borrasca calmará e irá deixando paso aos restos do furacán Kirck, que se formou no Atlántico tropical e podería chegar a España o martes.
 

"En principio o vento superará moi probablemente os cen quilómetros por hora polo menos en puntos do litoral, nas zonas altas do interior. A chuvia vai depender moito da localización exacta dos restos de Kirck cando chegue. Se se move cara ao norte a chuvia tamén será moi intensa, se fose un pouco cara ao sur, a chuvia non nos afectaría tanto", anuncia Taboada.
 

É bastante probable que o temporal se alongue en Galicia ata o mércores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade