Publicador de contidos
Publicador de contidos

Madrugada de loita contra as lapas nas provincias de Lugo e de Ourense

Madrugada de loita contra as lapas nas provincias de Lugo e de Ourense

O lume queimou xa máis de 160 hectáreas no concello lucense de Trabada, onde a Xunta activou o nivel 2 de alerta pola proximidade das lapas ás casas en varios núcleos

Ese incendio afecta ademais o veciño Ribadeo, onde se declarou outro no monte Mondigo

Os efectivos de extinción tamén traballan nas localidades lucenses de Foz e Muras e nas ourensás de Lobeira, Vilariño de Conso e Avión

G24.gal 12/10/2023 18:53 Última actualización 13/10/2023 04:26

Esta está sendo unha madrugada de loita contra os incendios forestais que hai activos en Galicia.

Na localidade lucense de Trabada, a Xunta ten decretada por prevención a situación 2 de
alerta pola proximidade das lapas a tres núcleos de poboación. Segundo os últimos datos de Medio Rural, da pasada noite, arderon 160 hectáreas.

Este lume está afectando tamén o veciño Ribadeo, onde se declarou outro incendio, no monte Mondigo. A aldea da Ponte, que queda entre os dous, está véndose afectada polo fume, e o Concello chamou a veciñanza a desaloxala. Habilitou o polideportivo para acoller os veciños que o precisen.

Na Mariña hai un terceiro lume, na localidade de Foz. E declarouse outro en Muras, tamén no norte de Lugo. No sur, hai outro en Chantada, na parroquia de Requeixo, que pola información que temos comezou en dous focos. Queimou máis de 20 hectáreas, segundo a última información facilitada pola Consellaría.

Lumes en Ourense

Na provincia de Ourense, os equipos de extinción traballan na loita contra as lapas no municipio de Lobeira.

O alcalde Antonio Iglesias contábanos a primeira hora da madrugada que o lume estaba próximo ás casas do lugar de Taboazas, pero dicíanos que non se produciran desaloxos. El apunta á intencionalidade do incendio, un de cuxos focos podería afectar o veciño municipio de Bande.

Sabemos doutros dous incendios na provincia. Un en Vilariño de Conso, en Chaguazoso, onde arderon máis de 20 hectáreas, segundo os últimos datos de Medio Rural.

E outro en Avión, na parroquia de Nieva, que se deu por controlado pero non aínda por extinguido. Queimou unhas 70 hectáreas e iniciouse o mércores á noite en tres puntos.

A Consellería do Medio Rural lembra que está á disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e tamén gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria de que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade