Afundación organiza unha xornada de voluntariado ambiental en Sálvora
Afundación organiza unha xornada de voluntariado ambiental en Sálvora
Fixeron traballos de limpeza de lixo mariño e retiraron vexetación invasora
Participaron 80 persoas voluntarias comprometidas coa conservación do medio
A illa de Sálvora recibiu este sábado a visita de 80 voluntarios ambientais de Afundación que retiraron das súas praias o lixo que deixa o mar e as plantas invasoras que medran no parque nacional.
O programa pretende concienciar a cidadanía sobre a responsabilidade que temos na conservación do medio e na herdanza ambiental que lles deixamos ás próximas xeracións.
É o segundo ano do proxecto Placton de Afundación que desembarcou na illa de Sálvora con 80 persoas voluntarias conscientes de que o coidado do medio é unha responsabilidade compartida. Así o recoñecía a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, e a coordinadora xeral de RSC de Afundación, Pilar Alves.
"Fan xornadas de traballo interxeracionais, que son fundamentais e que consisten na recollida de lixo, tamén na retirada de plantas invasoras. E sobre todo darlle a coñecer á sociedade galega que podemos facer aínda máis polas xoias naturais que temos no noso país".
"É moi importante facer esa recollida de residuos nos areais, nos fondos marisqueiros, no fondo do mar e tamén é moi importante aprender de todo o que recollemos e mellorar o noso consumo, ser máis sostibles e sensatos".
Precisamente parte desa aprendizaxe que deixa o lixo permite ver que produtos acaban no mar e que moitas veces o que máis dano fai non se percibe nunha primeira ollada.
"Dáste conta da cantidade de lixo que vén ás praias e da que non es consciente, realmente: pequenos plásticos, paus de caramelos...".
"E dáste conta realmente de que ao final ao que debemos ir é aos microplásticos, que é onde collen as aves, onde poden vir pequenos animaliños e que é o que fai máis dano. E eses sempre adoitan ser os máis esquecidos de todos".
O Parque Nacional das Illas Atlánticas acadou este verán os 456.000 visitantes, a maioría nas Cíes e Ons, aínda que Sálvora e Cortegada tamén aumentaron o seu reclamo.
Manter esta riqueza natural depende da interacción co medio, de facer un consumo responsable e da educación da cativada.