Auga non apta para o consumo en Vilar de Lebres
Auga non apta para o consumo en Vilar de Lebres
Non poden beber nin cociñar coa auga da traída
O Concello de Trasmiras está a repartir garrafas, pero os afectados din que non son suficientes
O Goberno local di que nas últimas analíticas xa se normalizaron os niveis de nitratos
Nunha aldea de Trasmiras levan case dúas semanas sen poder consumir a auga da traída. Ata para lavar e cociñar alimentos teñen que mercar auga mineral. Apuntan os afectados que o problema é o xurro que ciscan as numerosas granxas de porcos que hai neste concello limiao, que contaminan os acuíferos.
O 13 de novembro, o Concello de Trasmiras informaba a veciñanza de Vilar das Lebres de que non podía consumir a auga da traída. Nin para beber nin para cociñar, ata para lavar alimentos fano con auga mineral.
O Concello está repartindo garrafas de auga pero os afectados din que non lles chega e teñen que mercar moitos máis litros ou ir buscala a fontes doutros concellos.
Analíticas públicas de Sanidade indican que dende o 18 de outubro a auga da traída non era apta para o consumo, por superar o límite permitido de nitratos (50 mg por litro), cunhas análises que deron 60 mg. Pero non foi ata case un mes despois que lles informaron. Tampouco se fían dos pozos particulares, moitos xa os analizaron e tamén superan o máximo seguro.
Dende o Concello de Trasmiras informan de que esta mesma mañá recibiron as últimas analíticas, que amosan uns niveis permitidos de nitratos, e que nas próximas horas publicarán un novo bando para informar de que xa poden consumir a auga da billa.