Publicador de contidos
Publicador de contidos

Agosto despídese en Galicia con máis de 230 hectáreas afectadas por incendios forestais

Agosto despídese en Galicia con máis de 230 hectáreas afectadas por incendios forestais

O mes de maior incidencia en 2024 foi abril, fóra do período estival e con arredor de 450 hectáreas queimadas

Incendio na parroquia de Paredes, en Ponteareas Incendio na parroquia de Paredes, en Ponteareas
G24.gal 01/09/2024 09:32

Agosto remata en Galicia con máis de 230 hectáreas de monte afectadas por incendios forestais, unha cifra moi superior á rexistrada durante o resto do verán.

E é que, conforme os datos da Consellería do Medio Rural, durante xuño e xullo apenas se notificaron incendios e os rexistrados foron, ademais, de pequena extensión. Agosto, con todo, elevou a media con cinco lumes de envergadura, tres deles na provincia de Ourense e dúas na de Pontevedra.

O máis grande foi o rexistrado o 23 de agosto na Gudiña, extinguido dous días despois tras calcinar máis de 75 hectáreas. O lume orixinouse na parroquia de Pentes e afectou a unha zona entre San Lázaro e Erosa. 

Incendios en San Cristovo de Cea

O incendio que afectou o 20 de agosto a San Cristovo de Cea queimou case 60 hectáreas. O lume orixinouse na parroquia de Oseira e non chegou a presentar perigo para os veciños, xa que os núcleos de poboación atopábanse "bastante afastados" das chamas.

Ademais dos medios despregados pola Consellería do Medio Rural, nos labores de extinción participou unha dotación de bombeiros de Estonia, en formación e para os que este era o seu primeiro incendio. Este grupo de 20 bombeiros chegou a Galicia o pasado día 15 de agosto para realizar adestramentos e regresan a Estonia coa fin de agosto.

Unha semana máis tarde, este mesmo municipio volveu ser vítima das lapas, esta vez cun incendio que afectou a unhas 30 hectáreas. A Xunta de Galicia confirmaba que o lume era unha reprodución do que se rexistrou sete días antes. No dispositivo de extinción deste lume volveu colaborar o destacamento de Estonia.

A localidade pontevedresa de Ponteareas tamén se viu afectada polos incendios forestais. Concretamente, o 16 de agosto rexistrouse un foco na parroquia de Paredes.

Afectou 40,72 ha, segundo as estimacións da Consellería do Medio Rural.

Posible intencionalidade en San Cibrao das Viñas

Aínda que cunha afectación moito menor que os outros, un incendio destacou este agosto pola súa natureza, con tres focos distintos, en San Cibrao das Viñas, preto da A-52.

O 22 de agosto rexistráronse dous focos no lugar de Barreiros, preto das obras do AVE e nunha zona de naves industriais, e en Outeiro Calvo. Precisamente, pouco tempo despois e próximo a este último punto, orixinouse un terceiro foco.

Queimou aproximadamente unhas seis hectáreas de monte e polas súas características todo apunta a unha posible intencionalidade.

En abril arderon case 450 hectáreas

Aínda que agosto supera en moito as hectáreas arrasadas polo lume en comparación ao resto do verán, continúa lonxe dos datos do mes de abril, no que se viron afectadas por incendios forestais case 450 hectáreas. Entre os lumes notificados, destacan o do concello coruñés de Rois, orixinado na parroquia de Leroño e que afectou unhas 124 hectáreas, e o rexistrado en no pontevedrés de Crecente, que naceu na parroquia de Angudes e afectou unhas 170 hectáreas, sendo un dos máis importantes do ano en Galicia.

O de maior extensión foi o que afectou en febreiro o municipio lucense de Trabada e que queimou unhas 190 hectáreas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade