Publicador de contidos
Publicador de contidos

Agora Repúblicas obtén o apoio de soberanistas de Canarias, Asturias, Aragón e Valencia

Agora Repúblicas obtén o apoio de soberanistas de Canarias, Asturias, Aragón e Valencia

Ahora Canarias, Andecha Astur, Puyalon, Esquerra Valenciana pediron o voto para a coalición en que participan BNG, ERC, EH Bildu e Ara Més para as europeas

Representantes da coalición Agora Repúblicas (EFE) Representantes da coalición Agora Repúblicas (EFE)
G24.gal 21/05/2024 18:02 Última actualización 21/05/2024 20:10

Forzas soberanistas de Canarias (Ahora Canarias), Asturias (Andecha Astur), Aragón (Puyalon) e a Comunidade Valenciana (Esquerra Valenciana) pediron este martes o voto para a coalición Agora Repúblicas para as eleccións europeas, en que participan ERC, EH Bildu, BNG e Ara Més.

Representantes destas formacións, ademais da galega Anova, Comunistes de Catalunya e Esquerra Unida i Alternativa (EUiA), subscribiron un manifesto para simbolizar este apoio, baixo o título Pola democracia, os dereitos e as liberdades. O texto alerta de que Europa fai fronte ao "ascenso da extrema dereita, o retorno das políticas de austeridade, o crecemento do militarismo e a ameaza do cambio climático".

Neste marco, Agora Repúblicas "é unha alianza comprometida coa defensa dos dereitos sociais e laborais, cun modelo de sociedade solidario, feminista, aberto, ecoloxista e democrático, para defender e conquistar todos os dereitos como persoas e como pobos".

Os partidos asinantes defenden o dereito á autodeterminación "como motor dunha Europa de nacións libres e iguais". Á vez, reivindican "a fortaleza e o impulso da lingua e a cultura dos nosos países" e "un Estado do benestar que garanta oportunidades e dereitos".

Agora Repúblicas e as formacións que lle dan apoio reivindican unha Europa internacionalista e pacifista, cun modelo de desenvolvemento xusto e verde, que non peche as súas fronteiras a quen "só busca un futuro digno" e que combata o fascismo e a xenofobia.

A cabeza de cartel da coalición, Diana Riba, de ERC, lembrou nunha conferencia de prensa na sede do partido a importancia da Unión Europea no día a día dos cidadáns, pois o 60 % das leis que se aproban teñen a súa orixe en Bruxelas.

Tamén se mostrou confiada en que esta lista cultivará máis votos que nos comicios de 2019, iso pese ao trompazo electoral de ERC nas pasadas eleccións catalás. Ao tempo, chamou á mobilización dos electores para frear a extrema dereita, que apuntou que se vería beneficiada nun contexto de alta abstención.

Por parte de EH Bildu, Pernando Barrena dixo que esta coalición para as europeas é "a translación" das alianzas que xa levan a cabo en Madrid. Pediu ademais o voto a todos os españois: "Pode ser unha opción interesante para o votante progresista e antifascista que pode exercerse desde calquera lugar do Estado".

O responsable de relacións internacionais do BNG Rubén Cela tamén dixo que Agora Repúblicas é unha alternativa para "calquera demócrata do Estado español" que considere que a Unión Europea debe ser "máis xusta" e "xogar outro papel no mundo".

O Consell Nacional de ERC ratificou a mediados de abril a xa eurodeputada Diana Riba e o meteorólogo Tomàs Molina como números un e dous do partido para as eleccións europeas do 9 de xuño. Riba será tamén a cabeza de cartel da coalición, mentres que Molina concorrerá en cuarta posición, pois a segunda e terceira praza ocuparanas Pernando Barrena, de EH Bildu, e Ana Miranda Paz, do BNG, respectivamente.

Nos últimos comicios europeos Agora Repúblicas logrou tres eurodeputados, aínda que a saída do Reino Unido da Unión Europea fixo aumentar de 54 a 59 o número de parlamentarios que corresponden a España, co que esta coalición espera superar os representantes obtidos en 2019.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade