Publicador de contidos
Publicador de contidos

Casado cualifica a votación de "pucherazo" e o PSOE acusa o PP de "comprar os votos" de UPN

Casado cualifica a votación de "pucherazo" e o PSOE acusa o PP de "comprar os votos" de UPN

O deputado popular Alberto Casero dille por escrito ao Congreso que votou non e que houbo un fallo técnico

O PSOE acusa o PP de comprar os votos de UPN "nun caso de transfuguismo"

G24.gal 04/02/2022 12:36

O deputado do PP Alberto Casero, que co seu voto a favor fixo posible a validación da reforma laboral, remitiu un escrito ao Congreso dos Deputados no que insiste en que votou non e que "o certificado emitido pola cámara non se correspondía co sentido do voto que manifestaba", no que "semellaba ser un fallo do sistema".

Casero tamén denuncia, no escrito, a "ruptura" no exercicio do seu dereito a voto por parte da presidenta do Congreso, Meritxell Batet.  O deputado do PP relata no escrito:

"Ao realizar o voto telemático, que foi NON, observei que o certificado emitido pola cámara non se correspondía co sentido do voto que manifestaba, é dicir, que parecía que o meu voto fora SI".

Casero engade que, "a raíz do que parecía un fallo do sistema", tratou de contactar coa cámara "antes de que se anunciase o inicio da votación "para advertir a Presidencia do erro manifesto" e que o sentido de o seu voto recollido polo sistema non expresaba a súa vontade.

Casero engade que "ao non recibir resposta da Mesa e ante a imposibilidade manifesta de facelo por escrito polas présas, pero sempre antes de que se anunciase o inicio da votación", se dirixiu  ao seu grupo; que foi o seu grupo parlamentario quen informou o vicepresidente segundo da Cámara e que foi a popular Ana Pastor quen informou a Batet, e que a presidenta da Cámara baixa decidiu non convocar a Xunta a pesar da petición do PP.

Tamén o PP presentou outros dous escritos. Un solicitando a convocatoria dunha Mesa urxente e outro solicitando que non se publique no BOE o resultado da votación, e que, polo tanto, non se valide a reforma laboral; anuncia que está disposto a acudir ao Tribunal Constitucional. 

O líder do PP, Pablo Casado, acusou aos socialistas e en concreto á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, de converter a votación da reforma laboral nunha "fraude electoral" porque se aprobou pola mínima grazas ao voto telemático erróneo dun deputado do PP, Alberto Caseiro.

 

O PSOE acusa o PP de "comprar" o voto de UPN

A vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra, acusou o PP de "comprar" o voto dos dous deputados de UPN que finalmente votaron en contra da reforma laboral do Goberno fronte ao criterio da dirección do seu partido, no que considera un caso de transfuguismo político: "Aquí houbo un caso de transfuguismo político, de compra de vontades por parte do PP e o único que nos queda por pescudar é o prezo que pagou o PP", dixo.

A vicesecretaria xeral do PSOE desvelou que os socialistas contactaron primeiro co deputado de UPN Sergio  Sayas, que lles transmitiu que tanto el como o seu compañeiro estaban de acordo en validar a reforma laboral se non se tocaba "nin unha coma", aínda que lles remitiu ao presidente de UPN, Javier Esparza, para concretar a votación.

A dirección de  UPN confirmou o apoio á reforma laboral, pero durante o pleno do xoves Lastra comentou que viron aos dous deputados da formación "falando e reuníndose" con membros do PP e de Vox tanto no hemiciclo como nos arredores do Congreso, o que lles fixo ter sospeitas.

Por iso, explicou que os deputados do PSOE preguntaron en varias ocasións aos dous parlamentarios de  UPN se ían manter o seu voto e "ata o último momento" dixeron que si, como cando lles preguntaron os medios de comunicación.

Os deputados díscolos "non representan a UPN e non poden seguir en UPN"

O presidente de UPN, Javier Esparza, asegurou hoxe que os deputados Sergio Sayas e Carlos García Adanero "non representan a UPN e non poden seguir en UPN" tras ignorar a instrución do partido e opoñerse á reforma laboral. Esparza explicou aos medios na sede do partido que, ademais de pedirlles as súas actas de deputados, UPN vai estudar legalmente, a partir dos seus estatutos, "o que podemos facer".


"Estou tremendamente doído, porque UPN é un partido que cumpre cos seus compromisos, é un partido das palabras, e o que pasou onte no Congreso e a actitude que tomaron o señor Sayas e o señor Adanero evidentemente vai en contra dos principios e contra os valores e contra o que sempre defendeu UPN".


O líder de UPN subliñou:

 "Aquí o que pasou é que (os dous deputados) saltaron a disciplina de voto, pero tamén nos enganaron a todos. É que nos mentiron a todos, a toda a dirección do partido e a todos, a toda a sociedade navarra e española, esa é a realidade".

O presidente da Xunta dixo que o pasou no Congreso é un espectáculo bochornoso. Alberto Núñez Feijóo di que non é admisible que o Goberno presuma de aprobar a reforma laboral por un erro dun deputado da oposición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade