Alcaldes do PP denuncian en Bruxelas o "uso partidista" dos fondos europeos
Alcaldes do PP denuncian en Bruxelas o "uso partidista" dos fondos europeos
Baltar pide que se teña en conta o despoboamento na repartición dos cartos da UE
A polémica sobre a repartición dos fondos europeos chega a Bruxelas da man de alcaldes e altos cargos rexionais do Partido Popular. Encabezados polo alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, denunciaron este mércores o maltrato que aseguran sufrir na repartición de fondos por parte do Goberno central, e que afectaría os concellos e outros organismos gobernados pola oposición.
"Unha distribución que, ao noso xuízo, é arbitraria e non prexudica o PP, prexudica todos os españois, porque aquí somos todos iguais ante a lei, todos temos que superar esta pandemia, os fondos europeos son determinantes para poder facelo, e con independencia de quen goberne todos temos que ter as mesmas oportunidades para saír adiante", asegurou Martínez-Almeida.
Un dos representantes galegos nesta delegación de líderes rexionais populares en Bruxelas é o presidente da Deputación de Ourense. Xosé Manuel Baltar insiste na importancia de ter en conta o despoboamento á hora de repartir os cartos que veñen de Europa.