Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alcoa volve producir en San Cibrao aluminio primario dous anos despois

Alcoa volve producir en San Cibrao aluminio primario dous anos despois

O acordo asinado pola multinacional na mesa de seguimento prevé que as cubas estarán a pleno rendemento en outubro de 2025

Nos últimos meses a dirección lanzou mensaxes sobre o risco dos investimentos comprometidos e o futuro da planta

G24.gal 14/02/2024 20:18 Última actualización 15/02/2024 10:33

A fábrica de Alcoa en San Cibrao volveu producir aluminio primario este mércores despois de dous anos, no marco dun proceso de rearranque de forma gradual das súas cubas.

"Había dous anos que non se producía aluminio primario en España", explicaba no Bos días o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan. "Significa que hai unha parte do acordo que Alcoa está cumprindo, pero outro lado estanos dicindo que non chega máis alá de xullo, cando o acordo vai ata 2027".

Respecto diso, explicou que os traballadores demostraron a "competitividade" tanto en aluminio como en alumina.

"Demostramos que somos moi capaces, e igual Alcoa tiña algunha dúbida, e estamos superpreparados para poñer a funcionar estas cubas, cousa que noutras plantas son incapaces de facer. Somos capaces de poñer en funcionamento a electrólise e a fundición, e tamén da planta de alumina, que logramos unha baixada récord de produción e manter o proceso estable, que noutros sitios non son capaces de facer. Co cal, aquí hai empresa, hai traballadores e cualificación de sobra", afirmaba o presidente do comité.

Actualmente, hai sete cubas en funcionamento na sala 1 da serie B, e as seguintes serán na serie 2.

"Nestes momentos están a levar a primeira viaxe de aluminio líquido da electrólise ao departamento de fundición, en total a viaxe foi de 4.560 quilos transportados por Iravedra e coados polos cubistas Toni e Leivas", informaba Zan.

"Antes, se as PPA entrasen en funcionamento, poderiamos ter traballando tantas cubas como enerxía consuman. Iso quere dicir que se o Ministerio de Transición hai un ano aprobara as súas PPA, en xuño teriamos 128 cubas que non imos ter, ou os nós de conexión que aínda non se aprobaron", reivindican desde o comité de empresa.

Rearranque gradual das cubas

A produción de aluminio primario de San Cibrao parou en xaneiro de 2022 como resultado dun acordo cos representantes dos traballadores alcanzado en decembro de 2021. En febreiro de 2023, houbo unha modificación do acordo polo que Alcoa reiniciaría de maneira gradual a produción de aluminio primario en xaneiro de 2024.

O 2 de outubro de 2023, a compañía procedeu á paralización de fundición de aluminio que aínda funcionaba. Posteriormente, a empresa anunciou a suspensión do investimento do forno de cocción para ánodos pendente.

Xa este ano, Alcoa comezou cun proceso de rearranque tras unha reunión o pasado mes da mesa de seguimento en Madrid. O acordo asinado pasa por poñer en marcha 32 cubas o 1 de abril e continuar coa ampliación progresiva ata alcanzar o pleno funcionamento en outubro de 2025.

Con todo, ao longo dos últimos meses a dirección de Alcoa lanzou mensaxes sobre o risco para o futuro da planta e os investimentos comprometidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade