Alemaña, clasificada para cuartos cun accidentado triunfo contra Dinamarca (2-0)
Alemaña, clasificada para cuartos cun accidentado triunfo contra Dinamarca (2-0)
O partido tivo que ser suspendido por culpa dunha treboada
Despois, un gol anulado a Dinamarca e un penalti decidiron o choque
Alemaña medirase co gañador do España-Xeorxia
O partido de Dortmund tivo de todo. Mesmo tivo que ser suspendido durante moitos minutos por culpa das condicións meteorolóxicas. Pero a acción comezou axiña. Xa aos catro minutos Alemaña atopaba o camiño do gol, pero a cabezada de Schlotterbeck foi anulada por falta. Eran minutos de dominio dos locais, e dun Schmeichel que mantivo a igualada con boas paradas.
Tocoulle entón a vez a Dinamarca, cando Maehle rematou arriba unha clara ocasión. Tamén tivo unha falta na frontal, pero Eriksen estrelouna na barreira. Chegou entón a suspensión do partido por culpa da caída dun raio preto do Westfalenstadion, á que seguiu unha sarabiada intensa, que tivo o encontro parado durante moitos minutos. Cando reiniciou o xogo, disputáronse os dez minutos que quedaban antes do descanso, que deixaron un par de boas ocasións dos teutóns, e tamén dous remates de Hojlund.
E, á volta do descanso, chegou o momento culminante do encontro. Primeiro, co gol de Andersen para Dinamarca, que foi anulado polo VAR, literalmente, pola biqueira da bota. E, un minuto despois, outra revisión do VAR dáballe un penalti a Alemaña por mans do propio Andersen. Havertz non desperdiciou a ocasión de bater a Schmeichel e de adiantar a Alemaña.
A selección alemá puido sentenciar o choque, sobre todo cunha ocasión de Havertz que rematou fóra no man a man, e outra cun remate de Sané moi cruzado, en posición de fóra de xogo. . Pero, no minuto 68, Musiala non perdoou. Aproveitou outro man a man e estableceu un 2-0 que achegaba moito a Alemaña aos cuartos. A partir de aí, defenderon a renda para citarse nos cuartos de final co gañador do España-Xeorxia.