Alfonso Rueda reúnese co presidente do Uruguai para pechar a viaxe institucional
Alfonso Rueda reúnese co presidente do Uruguai para pechar a viaxe institucional
O presidente da Xunta e Luis Alberto Lacalle abordaron as relacións bilaterais e a situación da colectividade galega
Remata a viaxe institucional de cinco días do presidente da Xunta de Galicia á Arxentina e ao Uruguai. O último acto foi unha reunión co presidente do Uruguai Luis Alberto Lacalle. Os corenta mil galegos que viven na República do Uruguai foron a prioridade da axenda desta visita institucional de tres días do presidente da Xunta de Galicia. Pechouna a reunión co presidente, con Luis Alberto Lacalle Pou.
O entendemento entre os dous mandatarios é excelente a xulgar polas palabras de Alfonso Rueda. De feito, en varios encontros coa colectividade acompañaron o presidente galego a vicepresidenta e varios ministros do goberno de Lacalle. No encontro falaron do patrimonio da Casa de Galicia e das relacións culturais e comerciais.
"A nosa obriga creo que é manter relacións ao máis alto nivel institucional. Esta recepción por parte do presidente do Uruguai é especialmente de agradecer, útil porque o que fai é deixar abertas todas as canles para colaboracións en todos os sentidos. Hai empresas galegas traballando no Uruguai, hai moitos intereses e moitas cousas que facer. De todo isto falamos nunha reunión institucional, que o que fai, sobre todo, é simbolizar o cariño, a presenza constante e esa relación estreita entre Galicia e O Uruguai", afirma Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.
Os presidentes do Uruguai e de Galicia retomaron o contacto directo tras a pandemia para falar da colectividade galega. Alfonso Rueda aproba a solución para todos aqueles con asistencia sanitaria tras o peche da Casa de Galicia e pediulle a Lacalle que mire polo patrimonio da entidade, como solicitan os emigrantes galegos.
"O que lle reclaman á Xunta de Galicia é que interveña como estamos facendo en colaboración co Goberno do Uruguai para preservar o inmenso patrimonio cultural da Casa de Galicia. Iso é o que está facendo a Xunta de Galicia, que é o que nos corresponde", asegura Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia.
Pesca, construción, turismo e cultura son sectores destacados da relación entre Galicia e O Uruguai.