Allegue: "Estamos totamente en contra do intervencionismo no mercado do alugueiro"
Este venres entra en vigor o bono alugueiro dirixido aos menores de 36 anos
300 persoas solicitaron xa as axudas da Xunta para a adquisición de vivenda
A conselleira de Vivenda rexeita a proposta do BNG de poñer un tope ao prezo dos alugueiro. Nunha entrevista no 'Bos días', María Martínez Allegue sinalou que "a experiencia demostra que a medida ten efectos contrarios aos desexados".
A titular de Vivenda da Xunta pon como o exemplo o ocorrido en Cataluña. Segundo dixo, os contratos do alugueiro reducíronse un 15 por cento desde que entraron en vigor as zonas tensionadas hai dez meses.
"Estamos totalmente en contra do intervencionismo no mercado. O que hai que facer é construír máis vivenda, rehabilitar máis e axudar os promotores a que constrúan vivenda protexida".
Na entrevista, a conselleira repasou as axudas postas en marcha pola Xunta para facilitar o acceso a unha vivenda en alugueiro. Este venres entra en vigor o bono alugueiro dirixido á mocidade. "Na Xunta somos conscientes de que unha das principais preocupacións é o acceso a unha vivenda de calidade, digna e a un prezo accesible", explicou.
Desde este venres, os menores de 36 anos poden solicitar estas axudas de 250 euros ao mes que poderán gozar durante un período de 24 meses. "Os que teñan contrato formalizado poderán gozar das axudas desde o 1 xaneiro de 2025 con carácter retroactivo".
A medida conta cun orzamento de 13 millóns de euros. Para acceder a elas abonda con estar empadroado en Galicia, ter menos de 36 anos e ter uns ingresos anuais inferiores a 25.200 euros (tres veces o Iprem).
A conselleira avanzou que 300 persoas solicitaron xa as axudas da Xunta para a adquisición de vivenda. "Convido os que comprasen unha vivenda desde outubro do ano pasado a que soliciten esta axuda", dixo.
As subvencións para os que compren un inmoble nos cascos históricos nos concellos de menos de 10.000 habitantes poden chegar aos 15.000 euros; son de 10.800 euros para os que adquiren unha vivenda protexida e de 20.000 euros para os menores de 36 anos.
"As axudas son compatibles co aval mozo que achega a Xunta "para compensar o 20 por cento que a entidade financeira non avala no préstamo hipotecario", aclarou a conselleira.
A Xunta ampliou en 400.000 euros as partidas reservadas este ano nos orzamentos para adquisición de vivenda. Conta cun investimento de 3,8 millóns de euros.