Alugueiros por cuarto, unha tendencia inmobiliaria en alza
O alugueiro dun cuarto nun piso compartido en Vigo está nuns 350 ou 360 euros, incluídos todos os gastos, así como a limpeza e Internet
Samantha estuda en Vigo. Alugou cuarto nun piso onde comparte espazos con outras cinco mozas. As estudantes din que perden un pouco de intimidade, pero apostan por esta fórmula inmobiliaria porque é máis barato.
Segundo explica o xerente de Rent Room, o alugueiro dun cuarto nun piso dos que arrendan está nuns 350 ou 360 euros, incluídos todos os gastos, así como a limpeza e Internet.
A maior parte dos arrendatarios son estudantes, pero tamén hai outros perfís coma traballadores temporais e incluso pensionistas e xubilados.
A precariedade, a escaseza de pisos en réxime de alugueiro e os prezos desorbitados están detrás do aumento desta modalidade inmobiliaria na que cada vez máis arrendadores atopan vantaxes.
Din que é unha fórmula máis segura fronte aos impagos e máis flexible para as dúas partes xa que os tempos de alugueiro se acordan segundo as necesidades do arrendatario.
Alugar cuarto polo prezo que hai uns anos custaba un piso enteiro. Unha tendencia que reflicte a realidade do mercado inmobiliario.