Amable Rodríguez, veciña do concello lugués de Taboada, celebra o seu 102 aniversario
Amable Rodríguez, veciña do concello lugués de Taboada, celebra o seu 102 aniversario
A centenaria goza de boa saúde, nunca estivo ingresada no hospital e aínda axuda na casa, pelando patacas e debullando maínzo
Amable Rodríguez, unha veciña da parroquia de Sobrecedo, no concello lugués de Taboada, celebra hoxe o seu aniversario rodeada da súa familia. Fai nada menos que 102 anos, con bastante boa saúde. Amable aínda axuda algo na casa, pelando as patacas e debullando o millo.
"Encóntrome ben, grazas a Deus".
A saúde non lle falta. Na súa longa existencia tivo que acudir pouco ao médico e nunca estivo ingresada no hospital.
"Eu penso que a clave é que lle gusta moito o vinagre, a leituga e o tomate, e o seu café con augardente ao acabar de xantar".
Amable tivo 7 fillos, 13 netos, 15 bisnetos e 1 tataraneto. Gran parte da familia participará na celebración do aniversario. Ademais de criar os fillos traballou no campo ata non hai moito.
"Con 95-96 anos traballaba na horta a carón da casa, sachaba patacas, pementos, tomates, cebolas, e había de todo. Foi moi traballadora".
Aínda hoxe ten ansia de axudar na casa e despois de levantarse e almorzar ponse a debullar millo.