Publicador de contidos

Publicador de contidos

"Non é de recibo é que a patronal pretenda que isto o paguemos os de sempre"

"Non é de recibo é que a patronal pretenda que isto o paguemos os de sempre"

Amelia Pérez, secretaria xeral de CC. OO. en Galicia, advirte dun incremento da conflitividade laboral cara ao outono se segue habendo un bloqueo da negociación

G24.gal 29/08/2022 09:22

"Se as cousas seguen como ata o de agora, co bloqueo por parte da patronal dos convenios colectivos, pois si, creo que sairemos á rúa", advirte Amelia Pérez, secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia, ante a perspectiva dun outono "quente" no que haxa un incremento da conflitividade laboral.

O primeiro atranco está xa na negociación do salario mínimo interprofesiona (SMI). "Vai estar complicado. Nós somos bastante escépticos, pero temos claro que hai un compromiso por parte do Goberno e unha folla de ruta claramente marcada, e ese compromiso de chegar ao final da lexislatura con ese 60 % do salario medio e polo tanto con ese incremento do salario mínimo que xa agora tal e como están os datos da inflación é que é imprescindible", asegura a responsable galega de CC. OO., nunha entrevista no programa 'Bos días' da Televisión de Galicia.

Para abordar a situación, Amelia Pérez fai recaer a maioría da responsabilidade nas administracións, pero non toda: "A maioría teñen que ser políticas públicas de todas as administracións. Pero logo, por suposto, podemos chegar a acordos todos os interlocutores sociais para intentar asumir esta situación entre todos e todas. O que non é de recibo é que a patronal pretenda que isto o paguemos os de sempre", asegura con contundencia.

Pacto de rendas

A secretaria xeral de Comisións Obreiras tamén advirte sobre a negociación do pacto de rendas: "A nós chamáronnos a primeiros deste ano para abordar ese pacto, que nós temos claro que non é só de salarios. E a patronal desde o principio xa dixo que non se ía sentar para falar de beneficios empresariais, e o Goberno no acaba de arrincar un pouco con esa situación".

"Nós se temos que sentar a falar de pacto de rendas, ímolo facer, pero temos que falar de salarios, beneficios empresariais, de prezo da vivenda, de reforma fiscal..., en definitiva, de todas a situacións", asegura.

Nesa negociación, a inflación e a perda de poder adquisitivo por parte dos traballadores sitúase nun plano principal, pero segundo Amelia Pérez, os sindicatos están dispostos a ser flexibles: "Somos conscientes de que non todas as empresas poden asumir a suba da inflación que temos agora mesmo, pero o que si introducimos nese acordo que facíamos con UXT son esas cláusulas de garantía salarial que permitan a medio prazo garantir ese poder adquisitivo que levan perdendo os traballadores e as traballadoras".

Respecto á situación galega, establece dous ámbitos onde cre que se debe poñer o foco: "Galicia en eivas que ten que seguir superando. A administración autonómica ten deberes. Estamos perdendo peso industrial. E despois tamén a situación demográfica non axuda. Os mozos acaban marchando. É un traballo que require tempo e que a administración galega se poña a estudala".

Perspectivas boas respecto ao emprego

A evolución do emprego nos próximos meses cre Amelia Pérez que é "difícil de prognosticar".

"A palabra clave é a incerteza. O que temos claro é que os datos de contratación foron moi bos pola reforma laboral, e cremos que vai seguir sendo así. Evidentemente estamos á fin dunha temporada estival, e os contratos que foron feitos para as vacacións se van desfacer", augura.

"Pero iso non quere dicir que non miremos toda a evolución desde o principio de ano. Os datos de contratación e de indefinición son bos. A final de ano haberá que mirar como son, pero as perspectivas son boas", conclúe.

Sectores que non atopan traballadores

E en canto aos sectores que aseguran ter dificultades para atopar traballadores, a responsable en Galicia de CCOO, remítese a un estudo realizado polo sindicato: "Hai algúns sectores nos que non hai man de obra porque o traballo é precario, porque a patronal segue instalada en prácticas que son terceiromundistas, e evidentemente hai que ir mudando iso. A xente quere ter unhas condicións salariais e laborais dignas que permitan facer un proxecto de vida".

Aínda que si hai ámbitos onde as dificultades para conseguir atopar traballadores: "como o da construción. Alí é diferente. Na anterior crise houbo xente que se foi a outros sectores e a maioría deles non van volver". 

"Pero na maioría deles, como a hostalaría ou o transporte son sectores con condicións moi malas, e a xente non está disposta a traballar así", conclúe Amelia Pérez e fala da receita: "Mellores condicións salariais e laborais. Salarios e uns horarios dignos, non facer 12, 13 ou 14 horas, senón facer unha xornada decente".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade