Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Miranda: "Bruxelas ten un descoñecemento moi grande do que é a pesca galega"

Ana Miranda: "Bruxelas ten un descoñecemento moi grande do que é a pesca galega"

A eurodeputada do BNG considera preciso facer un lobby conxunto para defender os intereses do sector

G24.gal 02/05/2023 09:52 Última actualización 02/05/2023 11:04

O BNG pide a unidade de todas as forzas para defender ante Bruxelas a importancia do sector pesqueiro galego. A eurodeputada Ana Miranda considera que as limitacións impostas pola Unión Europea responden a intereses comerciais e non teñen en conta o seu peso na economía de Galicia.

"Está entrando o peixe de fóra. As importacións, moitas veces sen os mesmos controis, e estase deixando produto galego", denuncia.

Nunha entrevista no informativo Bos días da TVG, asegura que o plan de Bruxelas para limitar a pesca de arrastre nas augas comunitarias responde a "un total descoñecemento da pesca galega" e pide que se escoite o sector porque "é o principal de Europa".

"Hai que adoptar medidas flexibles, non esta inflexibilidade e agardar ao que diga o estudo do impacto socioeconómico que aínda non se presentou. Nós trasladámoslle este cuestión ao señor Planas, tamén na Xunta, e cremos que hai que facer un traballo de lobby conxunto, entre os eurodeputados galegos, pero tamén en canto ao que é a defensa do sector".

Respecto ao naufraxio do Villa de Pitanxo, Ana Miranda insiste no apoio ás familias e ao esclarecemento do acontecido. Sobre o accidente do Alvia, lembra que o 6 de xullo o Parlamento Europeo organiza unha conferencia co gallo do décimo aniversario da traxedia.

Sente que aínda non se depurasen responsabilidades políticas directas e insiste na necesidade dunha normativa para evitar que se repita. Do mesmo xeito, subliña a súa posición ao carón das vítimas "buscando unha solución á verdade e á xustiza".

Sobre o veto de Israel pola súa participación na frota internacional de apoio humanitario a Gaza no 2015, lamenta non recibir unha chamada do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Considera que foi un "acontecemento moi duro" e unha "afronta diplomática á UE".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade