Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Miranda pide medidas para reducir as marxes das grandes distribuidoras de alimentos

Ana Miranda pide medidas para reducir as marxes das grandes distribuidoras de alimentos

A eurodeputada nacionalista ve con bos ollos un acordo sobre a cesta da compra, pero cre que son necesarias medidas para aumentar os beneficios dos produtores e reducir as marxes dos distribuidores

G24.gal 13/09/2022 08:46

Ana Miranda estrea escano no Parlamento Europeo co obxectivo de centrar a lexislatura nas medidas anticrise e na defensa do sector primario galego. Nunha entrevista no Galicia por Diante, a eurodeputada nacionalista dixo ver con bos ollos os intentos da vicepresidenta Yolanda Díaz por acordar unha cesta da compra a prezo reducido, pero quere máis:

"A idea está ben, a cuestión é que non vén de agora o problema, vémolo co leite en Galicia, que a distribución leva unha grande parte dos prezos dos alimentos. Non só hai que ir a un pacto coas grandes distribuidoras, senón a unha regulación real de que ao produtor e produtora lle chegue máis".

A defensa do sector primario galego é outro dos obxectivos que marca Miranda, que critica o ataque que está a recibir a pesca do arrastre galega ao limitarse a súa área de actuación: "Cremos que isto é unha estratexia da Comisión Europea que está querendo quitar os que compiten, como neste caso a flota galega, creando unha imaxe de que se esquilma e de que é prexudicial; o arrastre regulado e cos paros biolóxicos suficientes está perfectamente asumido".

Miranda tamén insistiu na denuncia do "espolio eólico" que ó seu ver se está dando en Galicia, coa instalación de macroparques que incumpren a normativa comunitaria, tal e como denunciou a súa formación en Bruxelas o pasado agosto.

A eurodeputada falou tamén da petición presentada polo Bloque para que o Parlamento Europeo se pronuncie a favor dunha investigación profunda sobre as causas do afundimento do Villa de Pitanxo. Neste sentido, Miranda confía en que a Eurocámara aprobará esa declaración "seguramente con unanimidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade