Analizan a caixa negra e interrogan a tripulación do cargueiro que derrubou a ponte en Baltimore
Analizan a caixa negra e interrogan a tripulación do cargueiro que derrubou a ponte en Baltimore
As seis vítimas mortais do sinistro son inmigrantes mexicanos e centroamericanos
O impacto económico do bloqueo do porto afectará a economía dos EUA
Suspendeuse a busca de posibles sobreviventes polo colapso da ponte de Baltimore. Os equipos de rescate traballan agora para recuperar os cadáveres dos seis desaparecidos na desembocadura do río Patapsco. Son dous cidadáns mexicanos, un salvadoreño, un hondureño e dous guatemaltecos que traballaban no asfaltado da ponte cando se derrubou polo impacto do Dali.
Investigadores da Xunta Nacional de Seguridade no Transporte accederon ao barco. Recuperaron a caixa negra coa gravación das conversas, entre elas unha en que avisan as autoridades dos problemas eléctricos e de propulsión que impiden controlar a traxectoria do portacontedores. Tamén comezaran a tomarlles declaración os 22 membros da tripulación.
"Vai ser unha investigación exhaustiva. Vai ser longa. Pero temos que asegurarnos de obter as respostas que buscamos", advertía o gobenador de Maryland, Wes Moore.
O Goberno federal pagará a reconstrución da ponte, e advirte de que non vai ser barato, nin rápido nin doado. A ferralla impide a entrada e saída de barcos do noveno porto comercial dos Estados Unidos. O bloqueo ameaza a curto prazo 15.000 postos de traballo directos que dependen desta infraestrutura.
"É imperativo que reconstruamos esta ponte. É imperativo que consigamos que o porto de Baltimore volva funcionar, Non se trata só de apoiar a Maryland, trátase de apoiar a economía estadounidense", aseguraba Moore.
Por este porto pasan cada ano 51 millóns de toneladas de carga procedente do estranxeiro. O colapso da ponte ameaza desde a chegada de compoñentes para a industria do automóbil de Michigan ata o transporte de maquinaria pesada para as explotacións agrícolas de Kentucky.