Ángeles Carmona: "Temos que consolidar as redes de protección das vítimas de violencia machista"
A presidenta do Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero salienta a importancia da educación na erradicación da violencia machista e na necesidade de que as nenas e mozas saiban interpretar os primeiros signos de maltrato psicolóxico nunha relación
Carmona considera que, á espera do ditame do Tribunal Supremo, debería reformarse a Lei de garantía integral da liberdade sexual para evitar que se revisen á baixa as penas dos condenados por delitos de violencia sexual
No Día contra a Violencia Machista, a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, Ángeles Carmona, alerta da necesidade de educar os nenos e os mozos no que significa unha relación sexual e afectiva sa, na igualdade, no respecto á muller e na resolución pacífica de conflitos.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, Ángeles Carmona destacou a importancia de que as nenas e as mozas aprendan a detectar os primeiros signos de violencia nunha relación que poden derivar en agresións físicas.
"É moi importante que as nenas, as mozas, saiban cales son os primeiros signos de violencia: difundir imaxes de contido íntimo en casos de ruptura de parellas, compartir claves de acceso informáticas, rexistrar o contido dos teléfonos móbiles... Eses son os primeiros signos de maltrato psicolóxico que logo poden derivar nun maltrato máis grave, como a agresión física".
A presidenta do Observatorio Contra a Violencia Doméstica e de Xénero do CXPX asegura que cómpre esperar a que o Tribunal Supremo dite o criterio xurisprudencial que guíe as actuacións dos xuíces con respecto as revisións de penas solicitadas polos condenados por violencia machista a raíz da aprobación da Lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como a lei do "só si é si".
Carmona lembrou que o Consello Xeral do Poder Xudicial xa advertira que algúns tipos penais da nova lei "as penas non coincidían precisamente por subsumir o tipo penal de abuso sexual en agresión sexual".
"Alertabamos de que se terían que revisar sentenzas e que nalgunhas ocasións esas revisións de sentenzas serían, desde logo, en todos os casos á baixa. Esta situación está provocando alarma social. Desde logo o que non se pretendía era que os violadores, os agresores sexuais tivesen unha menor pena que anteriormente".
Malia o aumento de casos de violencia machista entre os nenos, Ángeles Carmona sinala que en Galicia non hai moitas condenas a menores por esta causa, en relación con outras comunidades. De feito, no que levamos de ano só se ditou unha sentenza condenatoria a un menor por violencia machista.
Para Ángeles Carmona, o incremento do número de mulleres con protección policial é un síntoma de que as ferramentas legais e policiais que existen en España funcionan. E puxo como exemplo a posta en marcha do Protocolo 0 que lle permite á muller vítima de violencia machista dispoñer de protección policial sen necesidade de que medie unha denuncia.
"España é un dos países máis considerados e imitados no mundo pola loita contra a violencia machista".
Carmona asegura que nos últimos anos está mellorando a coordinación entre xuíces, fiscais, forzas de seguridade e servizos asistenciais para protexer dunha forma integral ás vítimas de violencia machista. Sinalou, en concreto, a mellora en materia informática, o que lles permite aos órganos xudiciais e policiais dispoñer de datos de situacións de violencia machista en tempo real para poder actuar de forma coordinada.