O Entroido máis longo de Europa arranca en Xinzo coa batalla do Domingo Fareleiro
Nin a chuvia nin o frío restaron estusiamo para participar na dura batalla da fariña
Diversión e moita fariña nas rúas de Xinzo este domingo fareleiro, unha das datas máis agardadas do Entroido galego.
"A nivel social é unha liberación e a nivel cultural, etnográfico, este día ten que ver con algún tipo de ritual de purificación. Agora mesmo non é así, agora é pasalo ben e gozar cos veciños".
"A partir de agora comezan cinco semanas de festa e de troula polas que agardamos todo o ano".
Pasadas as cinco da tarde comezaba a distribución de fariña entre os participantes congregados na praza Maior.
"É a primeira vez que vimos e gústanos moito. A pena é que chova pero está sendo moi divertido".
"Hai que emporcallarse aquí na fariña".
"Pasalo ben e mancharse e que os pequenos gocen e poidan volver. E que a xente de fóra coñeza como é a cultura do Entroido en Xinzo".
"Viñemos desde Compostela para que os nenos visen outro Entroido e é moi divertido para os nenos e para os adultos, para pasar un día diferente aínda que chova".
"É marabilloso. É unha experiencia única, eu non era de carnaval ata que vin aquí".
Xinzo presume dun Entroido que conta coa declaración de interese turístico internacional e que é o que máis dura. Por diante queda nada menos que un mes completo de festa, ata o nove de marzo domingo de piñata.