Xunqueira de Ambía vive o desfile dos seus farrumecos na aldea de Sobradelo
A veciñanza recuperou a súa personaxe tradicional do Entroido hai poucos anos
Percorren as rúas coa súa careta branca facendo todo tipo de trasnadas
Fóra do triangulo máxico de Xinzo, Laza e Verín, hai máis Entroido e máis personaxes noutras localidades da provincia de Ourense.
"Hoxe estamos en Xunqueira de Ambía e estamos presenciando o desfile dos farrumecos, que é o día oito ou a primeira fin de semana de febreiro", di un mozo.
Oculto tras unha careta branca, os farrumecos percorren a aldea de Sobradelo dispostos a facer todo tipo de trasnadas. Sen falar unha palabra, é quen de manter vivo o espírito do carnaval.
"Nos o que queremos é festa e troula. E que facemos? Imos polas aldeas, subimos en balcóns, cambiamos de sitio a roupa tendida, mollamos a xente, todo o que poidamos facer".
"Pasalo ben entre todos e ter moita ledicia entre todos", din dous farrumecos.
A implicación da veciñanza e o traballo da asociación cultural Tangaraño permitiu recuperar esta figura tradicional do Entroido hai uns poucos anos. No desfile, os farrumecos comparten protagonismo cunha ampla comitiva festiva.