Ángeles Vázquez: "A da vivenda é unha lei extremista, menoscaba a propiedade privada e a liberdade dos cidadáns"
Ángeles Vázquez: "A da vivenda é unha lei extremista, menoscaba a propiedade privada e a liberdade dos cidadáns"
Ángeles Vázquez: "A da vivenda é unha lei extremista, menoscaba a propiedade privada e a liberdade dos cidadáns"
A conselleira de vivenda urxe a Conferencia Sectorial de Vivenda e aféalle ao Goberno "tratar as comunidades coma monicreques"
Vázquez avanza que antes de xuño o Consello da Xunta dará luz verde ao Anteproxecto de lei do litoral
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aféalle ao Goberno central tratar as comunidades coma "monicreques" ao lles negar a participación na elaboración da lei de vivenda, materia na que teñen competencia. No Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, na primeira entrevista de Vázquez logo de transcender o acordo do Executivo con EH Bildu e Esquerra para posibilitar a aprobación da norma, a conselleira urxe a Conferencia Sectorial para abordar a norma. Na súa opinión, non arranxa os problemas de vivenda, é "extremista" e suporá consecuencias negativas para o mercado.
"Non deixa de tratarnos as comunidades autónomas como auténticos monicreques, somos os que temos responsabilidade e nin sequera nos convocaron a unha Conferencia Sectorial para explicarnos o texto. Ao final, foi un acordo cos extremistas. Dende Galicia, igual que o resto de comunidades autónomas, acabamos de pedir que nos reúnan urxentemente nunha Conferencia Sectorial, toda vez que entendemos que esta é unha lei totalmente extremista."
Na súa opinión, esta norma "está menoscabando a propiedade privada e a liberdade dos cidadáns". Engade Vázquez que "atenta totalmente contra a clase media, impónselle á clase media que viva continuamente nun fogar en alugueiro e non se lle dá ningunha posibilidade a que poida optar a un fogar en propiedade". Mesmo agoira que a norma, se se aprobaba nestes termos, traerá "estancamento" do mercado de alugueiro.
Por estes motivos di agardar que o Goberno rectifique. Di que "este non é o camiño a seguir, agardamos que recúe, agardamos que se nos escoite ás distintas comunidades autónomas". Mesmo di que se están "saltando a lei en todos os eidos" xa que -argumenta- as Conferencias Sectoriais están para que se lles "trasladen os textos lexislativos" e di que isto foi "algo que neste caso nunca foi". Na súa opinión, "lonxe de mellorar, empeoramos substancialmente".
Lei litoral de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente tamén avanza que antes de xuño o Consello da Xunta dará luz verde ao Anteproxecto de lei do litoral para logo remitirlla ao Parlamento. Tamén agarda que o Goberno "mude de posición" e non atranque o desenvolvemento desta norma galega da que a conselleira defende a súa "constitucionalidade". Segundo Ángeles Vázquez, buscan a "correcta ordenación do litoral" e "acadar o autogoberno pleno sobre o litoral, dotarnos de seguridade xurídica".
"Xa se requiriron todos os permisos de carácter sectorial e será aprobada antes do mes de xuño, agardando que o Goberno central deixe de tachala de inconstitucional".