Ánxeles Vázquez: "O simulador prevé que os 'pellets' vaian para o Cantábrico"
Ánxeles Vázquez: "O simulador prevé que os 'pellets' vaian para o Cantábrico"
A vicepresidenta segunda da Xunta afirma que este domingo se recollerá outro saco avistado onte en Laxe
Asegura que o "Parque Nacional das Illas Atlánticas non está afectado"
O martes darase a coñecer a composición da comisión experta en ecotoxicidade
Os modelos de predición da Xunta apuntan que os ventos e as correntes previstas para as próximas horas poderían levar cara ao Cantábrico os pellets que aínda haxa no mar, procedentes do contedor perdido polo buque Toconao fronte ás costas portuguesas.
A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, así o aseguraba nunha entrevista este domingo no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega.
Segundo explicou, nas últimas horas coincidiron varios factores como foron "chuvias incesantes" que se prevén ao longo da mañá do domingo e as correntes de sur cara ao norte así como "o empuxe dos ventos".
Engadiu que no Observatorio Galego do Litoral "temos especialistas en correntes que fixeron simulacións e esas simulacións apuntaban a que se segue habendo pellets poderían chegar ás nosas costas, pero xa o método fai predicir que poida que na súa gran maioría se vaian cara ao Cantábrico pola forza que están tendo os ventos".
"Ese simulador aléntanos un pouco, de seguir habendo 'pellets' vanse para o Cantábrico. Poida que cheguen máis á costa asturiana e cántabra".
Respecto ao dispositivo autonómico, Vázquez afirma que este domingo mantéñense unhas 300 persoas en terra, sete embarcacións e cinco buques así como dous helicópteros, helicópteros cos que se detectaron nas últimas horas dous sacos de pellets. Un deles enteiro con 25 quilogramos na contorna da Punta Frouxeira, en Valdoviño, e que xa foi recollido e outro que será apañado hoxe en Laxe.
"No día de onte, que se recollera un dos sacos -que se fixo no mar- iso supón que non cheguen milleiros de partículas a terra porque xeralmente rompen. Non só iso senón que se puido avistar outro que se recollerá no día de hoxe que estaba entre as rochas en Laxe".
Segundo Vázquez, a día de hoxe a Xunta non precisa máis recursos de traballo en terra, pero si lle pide "planificación" ao Goberno central e insiste en solicitar información sobre o estado do contedor caído e saber se está baleiro ou non. Iso, apunta, permitiría trazar unha proxección mellor para saber canto falta por recoller.
Á espera do próximo balance, cifraba no equivalente a "140-150 sacos" de granulado plástico entre os recollidos polo dispositivo da Xunta e os dos concellos ata o momento.
Comisión de ecotoxicidade e informe da Fiscalía
A vicepresidenta segunda da Xunta anunciou que este martes se dará a coñecer "a composición da comisión de expertos", unha comisión de expertos en ecotoxicidade -destacou- que "non a hai a nivel nacional, tampouco en Galicia".
Ánxeles Vázquez tamén afirmou que, antes de que llo solicitara a Fiscalía, a Xunta comezou a elaborar un informe sobre o acontecido dende o 8 de decembro.
"O Ministerio Fiscal pedíanos información nas zonas protexidas, como poden ser o Parque Nacional e o Natural, neste caso Corrubedo, que xa podo avanzar que non foi afectado o Parque Nacional, que houbo un operativo despregado, e no caso de Corrubedo tamén lles podo avanzar que ocorreu o mesmo", apuntou.