Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez, tras o aval do TC á lei do litoral: "Ao final fíxose xustiza con Galicia"

Ánxeles Vázquez, tras o aval do TC á lei do litoral: "Ao final fíxose xustiza con Galicia"

A conselleira de Medio Ambiente ve unha "Galicia máis forte" tras tombar o Tribunal Constitucional o recurso do Goberno central 

 

G24.gal 24/04/2024 09:51 Última actualización 24/04/2024 11:38

A conselleira de Medio Ambiente amosou esta mañá, no Galicia por diante da Radio Galega, a súa satisfacción tras o aval do Tribunal Constitucional a lei galega do litoral aprobada o ano pasado. Ánxeles Vázquez lamenta que o Goberno rexeitara dialogar con Galicia e apostara por presentar un recurso de inconstitucionalidade, ao seu xuízo, ideolóxico: "Tiñamos unhas competencias que nos estaban negando mentres a outras comunidades o Goberno lles poñía a alfombra vermella".

A conselleira valora que o tempo acabara dándolle a razón á Xunta e que se fixera "xustiza con Galicia", que agora poderá xestionar a súa costa sen necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía, como sostiña o Goberno central.

Ánxeles Vázquez recalca que o obxectivo da lei é adaptar a regulación da costa á realidade galega e garantir o aproveitamento dos nosos recursos e o bo estado dos ecosistemas costeiros. O Goberno, pola contra, pretendía "instaurar o desterro das industrias asentadas no litoral", dixo.

A conselleira de Medio Ambiente destaca que, tras o aval do Constitucional, Galicia ten as competencias para dar seguridade de futuro ás empresas que investiron en terreos de dominio público marítimo-terrestre e evitar a perda de 4.000 edificios e milleiros de postos de emprego.

"Queda moito traballo por facer", dixo Ánxeles Vázquez, que confía en que non haxa máis agravios a Galicia por parte do Goberno central. Agarda que o executivo de Pedro Sánchez transfira á nosa comunidade os medios materiais e persoas necesarios para poder outorgar as autorizacións e concesións no litoral.

Protección do lobo 

A conselleira tamén se pronunciou sobre a proposición de lei impulsada polo PP para relaxar a protección do lobo e limitar a prohibición de caza ás rexións ao sur do Douro. Esa proposición foi admitida onte a trámite no Congreso co apoio do PNV e Junts.

Ánxeles Vázquez felicita os socios de goberno por entender "que algo se está facendo mal" e lamenta que o BNG non quixera intervir na sesión. A conselleira reitera que Galicia quere "xestionar o lobo, non cazar o lobo", e para iso hai que tomar decisións que están agora "paralizadas" por un Goberno que se nega a dialogar coas comunidades.

Retos enerxéticos

Tras asumir a xestión dos proxectos enerxéticos no novo Goberno de Alfonso Rueda, Ánxeles Vázquez marca como reto que Galicia avance polo camiño das enerxías verdes e compatibilizar o desenvolvemento económico coa vida das persoas. A conselleira compromete "traballo e diálogo" para que Galicia non quede atrás e caia na "emerxencia enerxética". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade