Gómez Caamaño: "Cómpre repensar o calendario de vacinación da covid"
Gómez Caamaño: "Cómpre repensar o calendario de vacinación da covid"
O conselleiro de Sanidade di que o virus da covid baixou moito nos meses fríos
Chama a aumentar a inmunización entre as embarazadas e profesionais sanitarios
O SERGAS valora cambiar o calendario de vacinación da covid ante o descenso de casos durante o outono e o inverno.
Nunha entrevista na Radio Galega, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, di que o comportamento do virus cambiou e que os maiores picos se dan no verán. Agora é a gripe B a que ten unha maior incidencia en Galicia.
"Creo que cómpre repensar o calendario de vacinación da covid porque agora a pensas hai casos. A gripe B é a de maior presenza. Contáxiase, sobre todo, polos nenos que veñen do colexio".
O conselleiro de Sanidade sacou peito das cifras de vacinación en Galicia, sobre todo en grupos de poboación por riba dos 80 anos e tamén entre os máis novos. No caso dos meniños, os ingresos hospitalarios por broquiolite baixaron un 90 %.
"A vacinación contra esta enfermidade respiratoria foi das mellores iniciativas da consellería de Sanidade. O ano pasado houbo unha inmunización do 90 % e este ano estamos tamén nesas cifras".
Sobre a polémica entre Muface e o Goberno, o conselleiro de Sanidade confirma que a Xunta traballa nun plan por se a sanidade pública galega ten que acoller ós preto de 60.000 funcionarios deste consorcio de aseguradoras.
Con todo, insiste en que o impacto para as listas de espera sería enorme: de media, a espera en consultas medraría uns catro días e as intervencións cirúrxicas ata un máximo de doce.
"Os máis afectados serían doentes de 54 anos e das áreas sanitarias da Coruña e de Vigo. O primeiro sería ter toda a súa información clínica no SERGAS e ver se os podemos atender".
Ó conselleiro parécelle irresponsable que este debate sobre Muface se estea dando nos medios de comunicación sen antes ter falado coas comunidades.