Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ánxeles Vázquez: "Galicia vai ser a primeira comunidade que lexisle en todo o litoral"

Ánxeles Vázquez: "Galicia vai ser a primeira comunidade que lexisle en todo o litoral"

A conselleira de Medio Ambiente defende que a Xunta tomase a iniciativa para asumir as competencias na regulación da costa pola "preocupación xusta" dos sectores afectados polas actuacións do Goberno

"Somos quen mellor coñecemos a costa e quen máis a queremos", di Vázquez

G24.gal 23/12/2022 10:27

"Somos quen mellor coñecemos a costa e, por outro lado, somos quen máis a queremos, e iso ao final quere dicir que somos os que máis a queremos protexer. Pero iso non ten que ser sinónimo de non dicir absolutamente non a todo, porque ao final o que temos é un abandono, e abandonar a costa, suporía abandonar o noso xeito de ser, pero tamén gran parte da economía", asegura a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para poñer sobre a mesa os argumentos da Xunta para lexislar en materia de litoral.

"A importancia da costa en Galicia é transcendental. De feito temos 2.500 quilómetros de costa e 82 concellos costeiros. Polo tanto, coidala e preservala é o noso obxectivo", insiste a conselleira.

A Xunta aprobou hai unha semana o anteproxecto de Lei do litoral co que inicia a tramitación da norma, a pesar do rexeitamento do Goberno. "Dun tempo a esta parte temos un desprezo total á costa galega. E cando falo de desprezo falo de que comezabamos no ano 2018, e estamos no 2022, cunha serie de cambios lexislativos que o único que fan é unha interpretación moi restritiva da costa galega, e polo tanto estamos nunha parálise, tanto para que as industrias poidan facer os seus investimentos, e cando falamos de investimentos falamos tamén de implantar as mellores técnicas dispoñibles para o coidado do medio ambiente, pero non só iso, nin sequera estamos facendo restauracións porque conforme aos distintos informes do Ministerio ou non se fan ou son desfavorables", di Vázquez para defender o paso adiante dado pola administración galega.

"Tiñámonos que poñer a traballar, e decidimos para levar a cabo o que nos compete e porque está recoñecido así no Estatuto de Autonomía de Galicia, que é lexislar sobre a nosa costa, non sen antes obter total transparencia, fronte ao que quere ocultar o Goberno central, e antes de poñernos a lexislar falamos cos 82 concellos, por suposto coa cadea mar-industria. Aí estivo traballando arreo a Consellería do Mar. Chamamos á porta de quen cremos son os mellores coñecedores que é o Observatorio da Costa", defende a conselleira que asegura que a normativa ten un forte apoio.

"Deberiamos obter un tratamento igualitario, pero isto non está sendo así, e vimos afeitos a que sexa así dun tempo para aquí, pero temos que defender Galicia. Tentamos diálogo continuado. Non obtivemos resposta. Queriamos asegurarnos de que en realidade estabamos no correcto e así o avalou a Asesoría Xurídica Xeral e así o avalou o Consello Consultivo", conclúe Vázquez sobre a legalidade da reforma que acomete a Administración galega.

"O que nos din desde o Goberno central é que hai que modificar Estatuto, pero o único que fixeron o resto das comunidades ás que si lle concederon as competencias, que en realidade é transferir o persoal e os instrumentos, porque en realidade o resto xa o estamos a facer, e facer aclaratoria, pero non temos que facela, porque está clarísimo que en Galicia temos esas competencias", asegura con rotundidade.

Tres áreas diferenciadas no litoral

En canto o contido dese anteproxecto de lei a conselleira explica que "nós o que queremos é unha costa máis protexida, porque non a podemos tratar de xeito uniforme. A nosa cosa ten desde praias naturais e outras urbanas, pasando por áreas propiamente urbanas, pero tamén unha costa máis viva".

Así as cousas, relata que "fixemos unha diferenciación a través de distintas áreas: unha que é unha área de protección ambiental que son esas zonas que teñen os grandes ecosistemas, e temos que conservar. Iso supón máis dun 75 % da costa. Temos outra zona que son as áreas de mellora ambiental, que son as que se foron degradando co paso do tempo e polo tanto debemos restauralas. E despois están as áreas de rehabilitación ambiental que son totalmente urbanas e que son as de porto".

"E o tratamento ten que ser diferente", insiste Vázquez. "E aí establecemos usos, e dentro dos usos que están contemplados está por suposto a cadea mar-industria, con todos os controis que xa estamos levando a cabo neste mesmo momento e que tamén está levando a cabo o Goberno central. Pero  non só iso, é que se acabamos abandonando inmobles a costa acaba esmorecendo e iso convértese nun residuo, e aí si que non coidamos o medio ambiente".

Explica ademais a conselleira de Medio Ambiente que "previamente tiñamos un catálogo de 300 edificacións que teñen un grande interese desde o punto de vista cultural e arquitectónico, e entendemos que se lle pode dar unha segunda vida, e dentro diso hai un recurso que é fundamental como é o turismo de litoral".

Dede a Xunta contan con que a lei estea aprobada e en aplicación durante o próximo ano. Agora ábrese un período de alegacións de trinta días, antes de que pase ao trámite parlamentario.

Pero a conselleira defende que hai que actuar ante a preocupación do sector con intereses no litoral: "E era unha preocupación xusta", afirma. "Víamos cal era pretensión do Goberno central, cunha costa española tratada por igual, e que pretende que no dominio público marítimo terrestre non haxa ningún tipo de vestixio humano en 2045. E dicimos, quen alá chegará? Pero agora mesmo xa hai vinte industrias que non están recibindo os informes pertinentes para seguir tendo a ampliación e polo tanto seguir permanecendo na costa".

"Pero non só iso, é que nin sequera deixa facer reposición do saneamento ou do abastecemento de augas e polo tanto, lonxe de beneficiar a costa o que estamos facendo estamos prexudicándoa. Polo tanto, temos unha zona na que a interacción entre o porto e a cidade que temos que seguir avalando ese tipo de actividades. Agora mesmo se non damos un paso á fronte, 4.000 instalacións están a piques de desaparecer porque xa non poderían estar na costa porque hai un regulamento que o está impedindo", explica Vázquez.

Para a conselleira a actuación do Goberno central "non é problema de cambio climático, non é un problema medioambiental, non un problema de resiliencia, é de carácter ideolóxico. Pero é que nin sequera foron suficientemente valentes para explicarllo aos galegos. Primeiro intentaban lexislar e despois dicíanlle que non estaba ocorrendo nada, pero si estaba ocorrendo, e de feito nesa interacción mar cidade temos colexios, residencias, algún hospital, temos centros culturais e entendían que tampouco tiñan que formar parte da costa galega, é un auténtico desatino".

E a actuación da Xunta, explica a conselleira, vai máis alá da costa no ámbito terrestre: "Galicia vai ser a primeira comunidade autónoma que lexisle en todo o litoral, porque lexislamos mar a dentro e terra a dentro, incluso chegamos ata 12 millas, porque entendemos que é moi necesario e o Goberno central xa tiña que ter os plans específicos para a eólica mariña e seguen sen ter eses plans. Polo tanto, nós nas 12 millas temos que lexislar e ordenar, pero é certo que temos outra comunidade que é o País Vasco ao que non se lle están atrevendo a dicir que ten que reformar o Estatuto de Autonomía, pero é certo que igual que a Galicia tampouco lle están facendo a cesión desas competencias".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade